Os tres promotores da actuación (Xunta, Porto de Vigo e Zona Franca) mantiveron unha xuntanza cos alcaldes de Salvaterra de Miño e As Neves para acordar a forma de cesión e mantemento de ditos sistemas xerais

A Xunta constituirá unha entidade de xestión, co resto de promotores e os concellos, para o mantemento dos sistemas xerais da Plisan

Acordan que mentres non se constitúa a entidade de xestión, o mantemento continuarán correspondendo aos promotores

Tamén se explicou a modificación do plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, que permitirá recuperar máis de un millón de metros cadrados

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, promotores da plataforma loxística-industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), constituirán unha entidade de xestión dos sistemas xerais da Plisan coa participación activa dos concellos de Salvaterra do Miño e As Neves.

Con tal fin, mantiveron hoxe unha xuntanza na que explicaron aos responsables de ambos concellos a forma de colaboración prevista e lles fixeron entrega da proposta de acordo para o seu estudo e aprobación por parte dos concellos. Os participantes fixaron manter unha nova reunión ao respecto o vindeiro día 23 de setembro.

A proposta de acordo prevé que, unha vez rematadas as obras de urbanización das fases 1 e 2 da Plisan, cederanse aos concellos os viarios, zonas verdes e espazos libres executados ata o momento; mentres que os equipamentos, como a EDAR (estación depuradora de augas residuais) e ETAP (estación de tratamento de auga potable) seguirán sendo xestionadas temporalmente polos promotores da actuación.

Dada a falta de recursos dos concellos para garantir a conservación e mantemento de ditas infraestruturas, os promotores constituirán a devandita entidade de xestión dos sistemas xerais, que se encargará do mantemento das mesmas. En todo caso, mentres non se constitúe dita entidade, o mantemento continuará sendo asumido polos promotores da actuación.

Ampliación do ámbito

Por outra parte, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, explicou a inclusión da Plisan na modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, que se atopa en tramitación, coa que se volven a incluír máis dun millón de metros cadrados ao ámbito da plataforma loxístico industrial.

Imaxes relacionadas