A Xunta colabora co Concello de Santiago e a concesionaria municipal da auga para solucionar a situación xerada tras o vertido ao río Tambre

As últimas analíticas realizadas confirman que a situación evoluciona favorablemente e a calidade da auga do Tambre mellora, estimándose que o pico do foco foi superado

A Xunta vén actuando e facendo seguimento continuo da situación na orixe do vertido de xurros a un afluente do río Tambre, que se detectou o xoves nunha granxa de Trazo e se comunicou a concesionaria do servizo de auga de Santiago

Augas de Galicia ordenou actuacións para conter e frear a expansión do vertido, coa disposición de gabias que axudaron a contelo, colabora cos corpos de seguridade para esclarecer as causas do acontecido e tramita o expediente sancionador que corresponde

Segundo confirma o Concello de Santiago, a potabilizadora está a subministrar auga con normalidade, aínda que con algún problema de turbidez polos traballos realizados no día de onte para manter o servizo á poboación, que se resolverá canto antes

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2021

A Xunta está colaborar co Concello de Santiago e coa concesionaria do servizo municipal da auga para solucionar o antes posible a situación derivada do vertido de xurros desde unha granxa que afecta ao río Tambre.

As últimas analíticas realizadas confirman que a situación evoluciona favorablemente, a calidade das augas mellora e se cumpren os parámetros de potabilidade, estimándose que o pico do foco contaminante foi superado.

Desde o primeiro momento, Augas de Galicia vén facendo un seguimento continuo do vertido en orixe e colaborando, en todo momento, co Concello de Santiago e cos técnicos da empresa concesionaria do servizo municipal da auga.

Técnicos do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia traballan para atallar o impacto da situación desde o pasado xoves, en que se detectou un vertido de xurros a un afluente do río Tambre procedente dunha granxa de Trazo, que o venres pola mañá se puxo en coñecemento da concesionaria do servizo de auga de Santiago.

Augas de Galicia traballa desde entón na orixe do vertido e ordenou actuacións para tentar conter e frear a expansión do vertido, estimado nuns 200.000 litros de xuros, coa disposición de gabias para evitar o seu avance. A execución desas gabias serviron para que filtrase no terreo, o que permitiu parar unha parte importante do foco cara ao río.

A Xunta está a realizar controis e analíticas que miden o oxíxeno disolto e a condutividade, o que permite avaliar a calidade da auga de forma preliminar.

As analíticas realizadas no día de onte indicaban que eses parámetros xa tiñan mellorado considerablemente na zona de captación, polo que se considera que a punta do foco xa pasou.

Segundo confirma o Concello de Santiago, a potabilizadora está, nestes momentos, a subministrar auga con normalidade, aínda que con algún problema de turbidez derivado dos traballos realizados no día de onte para manter o servizo á poboación, que se resolverá canto antes.

A Xunta colabora cos corpos de seguridade para esclarecer as causas do acontecido e tramita o correspondente expediente sancionador.