O programa da Xunta ‘Monumenta’ pecha en Silleda tras esgotar todas as súas prazas este verán

Desenvolvéronse 14 andainas culturais ao longo do verán nas catro provincias galegas e no Bierzo, coa participación de máis de 400 persoas

O ciclo, que sumou este ano a súa quinta edición, busca o equilibrio entre divulgación e lecer

Silleda (Pontevedra), 11 de setembro de 2021

Máis de 400 persoas participaron no programa Monumenta, andar con arte, enmarcado na celebración do Xacobeo 21-22 e co que a Xunta ofreceu este verán rutas a pé combinadas con diversas experiencias. O último dos catorce percorridos desenvolvidos desde o pasado 6 de agosto polas catro provincias galegas e o Bierzo partirá mañá do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, coa totalidade das prazas cubertas ao igual que en todas as xornadas do ciclo.

O itinerario que pecha a iniciativa, Desde Carboeiro ao Kumano Kodo en Xapón, é unha ruta circular pola senda botánica do mosteiro, coa guía María Abuín Fernández, da empresa Máis que Románico, o enxeñeiro forestal e paisaxista Gaspar Fernández, e a performer e artista Masako Hattorl.

Monumenta, andar con arte xorde como programa de actividades culturais arredor da acción de camiñar e da experiencia do percorrido. As rutas complementáronse con outras actividades como Monumenta escoita, no que participan artistas galegos emerxentes, ou Monumenta circular, centrada nas actividades da economía local.

Protagonismo das rutas xacobeas

No programa desta edición tiveron especial protagonismo as Rutas Xacobeas, con percorridos no Bierzo, no Cebreiro, en Vimianzo e na Vía da Prata ao seu paso polo concello ourensán de Oímbra. Tamén se divulgaron outras peregrinacións, como o Camiño Miñoto Ribeiro, a Via Mariana Luso-Galaica ou o Kumano Kodo e houbo ocasión de contemplar as bágoas de San Lourenzo desde o Cabo do Mundo, na localidade luguesa do Saviñao.

Pola súa banda, as economías locais tiveron presenza cun achegamento aos camiños marítimos en Pontedeume (A Coruña) e a San Cristovo de Cea (Ourense), como a vila do bo pan. Os camiños auríferos de Ribas de Sil (Lugo), a paisaxe litoral de Corrubedo, no concello coruñés de Ribeira, os cultos, ritos e lendas dos penedos galegos, en Ponteareas (Pontevedra) e os bosques sagrados de Galicia no Corgo (Lugo) completaron os itinerarios polo patrimonio natural e cultural enmarcados en Monumenta. En todos eles participaron especialistas e divulgadores para contar as historias de cada percorrido.

Imaxes relacionadas