A Xunta abre ao tráfico o nó dos Concheiros, en Santiago, nos dous sentidos de circulación

Desde esta tarde pode circularse en sentido subida e baixada, dándolle continuidade ao tráfico ascendente da avenida de Lugo e ao descendente de Rodríguez de Viguri

Para completar as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés á súa entrada en Compostela, quedan pequenos remates de pavimentos en Fonte dos Concheiros e nas zonas do nó nas que non se podía actuar polo desvío do tráfico

Ademais, ultimaranse os traballos de pintura e a sinalización, de iluminación da nova praza e de colocación do dispositivo semafórico no chan, que regulará o paso dos peóns
 

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021

O tráfico do nó de Concheiros en Santiago quedou aberto este venres nos dous sentidos de circulación. Deste xeito, unha vez terminada a pavimentación da zona de tránsito de vehículos, dáselle continuidade ao tráfico ascendente de avenida de Lugo e ao descendente de Rodríguez de Viguri.

A próxima finalización das obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés á súa entrada en Compostela, na que só quedan pequenos remates, permitiu a apertura esta tarde do tráfico nos dous sentidos de circulación, de subida e baixada, e actuar nas zonas onde estaban desviados os coches de baixada.

A complexidade desta actuación, na que se mantivo o paso de tráfico e tránsito de peóns, impediu intervir en todo o ámbito á vez, polo que nos próximos días os traballos centraranse nos remates de pavimentos en Fonte dos Concheiros e nas zonas do nó nas que non se podía actuar por estar habilitadas para o desvío do tráfico.

Ademais, completaranse os traballos de pintura, para o que se necesitan uns días de tempo seco, e a sinalización. Tamén se procederá á colocación da catenaria, postes de suxeición e luminarias, e á iluminación da nova praza; así como á colocación do dispositivo semafórico no chan, que regulará o paso dos peóns.

Intervención integral, cun investimento de máis de 3M€

Esta intervención integral no ámbito da avenida de Lugo e do Cruce dos Concheiros, na que a Xunta está a investir máis de 3 millóns de euros, ten o obxectivo de facer do nó dos Concheiros unha zona na que o Camiño sexa máis identificable para o peregrino, ademais de reforzar a seguridade viaria e mellorar os tráficos pensando no día a día dos veciños.

Trátase dunhas obras de remodelación complexas e de moita entidade, xa que incluíron tamén canalizacións, e unha das principais actuacións das previstas pola Xunta no marco da estratexia de mellora e integración paisaxística dos Camiños Francés, Inglés e Portugués á súa entrada en Compostela.

No seu conxunto, o proxecto integral de posta en valor das Rutas Xacobeas á súa entrada en Santiago supón un investimento do Goberno galego de 12 millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas