O Lalín D-Fest ofrece cinco actuacións dentro da programación musical do Xacobeo 21-22 promovida pola Xunta de Galicia

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na presentación do evento, que terá lugar o día 25 coas actuacións de Delaporte, Delafé, Verto, Ale e Rapariga DJ

Trátase dunha das 17 iniciativas subvencionadas a través da liña extraordinaria de axudas a espectáculos musicais do Plan de reactivación do sector cultural

Lalín (Pontevedra), 10 de setembro de 2021

O Lalín D-Fest anunciou hoxe o cartel dos concertos que desenvolverá o vindeiro día 25 e para o que conta co apoio económico da Xunta a través da convocatoria extraordinaria de subvencións a espectáculos musicais como parte da programación do Xacobeo 21-22. Delaporte e Delafé encabezan o programa, que inclúe tamén as actuacións dos galegos Verto, Ale e Rapariga DJ.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación deste evento, que terá lugar na véspera da LIII Feira do Cocido da capital do Deza. O acto, no que tamén se deu conta do resto de actividades e festexos vinculados ao evento gastronómico, estivo conducido polo alcalde de Lalín, José Crespo, e nel participou, así mesmo, Carlos Montilla, de I-Radia Crea, á fronte da organización do festival.

Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o Lalín D-Fest é un dos festivais subvencionados a raíz da nova convocatoria de axudas para espectáculos musicais do Xacobeo 21-22, a través da que se distribúen 850.000 euros entre 17 ciclos e eventos que suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.

Esta medida do Plan de reactivación do sector cultural deseñouse especificamente para profesionais autónomos e empresas que rexistraron perdas económicas pola crise sanitaria, reforzando o apoio do Goberno galego á recuperación da actividade empresarial e artística no sector. Ao tempo, búscase fomentar a recuperación das programacións culturais nas 17 localidades nas que se levan a cabo os espectáculos.

Imaxes relacionadas