Feijóo gaba a maneira xenerosa dos galegos de entender Galicia que permitiu construír o autogoberno e forxar un galeguismo inclusivo

“A autonomía é consecuencia dunha afortunada coalición: a democracia española, unha Galicia madura e responsable e uns políticos aos que lles interesaba un diálogo constante”, recorda

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, gabou hoxe a maneira xenerosa dos galegos de entender Galicia que permitiu, aseverou, construír o autogoberno e forxar un galeguismo inclusivo.

Durante o acto de inauguración da exposición 40 anos de autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro López, Feijóo incidiu en que os galegos somos un pobo nacido para a democracia, “e temos a fortuna de que un artista como Siro deixe constancia diso para sempre”, engadiu, precisando que con esta mostra ponse de manifesto que sempre hai un espazo no que ten cabida un punto de encontro.

Así mesmo, subliñou que a través desta exposición ponse de manifesto que o éxito desta fase da historia de Galicia que o autor retrata, foi edificada por mulleres e homes normais capaces de facer algo notable e tamén consecuencia de políticos que souberon construír.

“A autonomía é consecuencia dunha afortunada coalición: a democracia española, unha Galicia madura e responsable e uns políticos aos que lles interesaba un diálogo constante”, dixo, resaltando que Galicia é a proba fidedigna e viva de que as liberdades impulsan o benestar, e logran que rexurdan a creatividade, o talento, o emprendemento e a autoidentificación.
 

Imaxes relacionadas