A Xunta lamenta que a posición de bloqueo do Goberno pon en perigo o futuro da planta de Ence e os empregos

 A ausencia no encontro de hoxe da vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica evidencia que o Executivo central prefire despreocuparse e tomar distancia con respecto ao futuro da fábrica e dos miles de postos de traballo asociados

O Goberno galego reitera a súa disposición a colaborar co resto de administracións, a empresa e os representantes dos traballadores na busca dunha saída xa que o obxectivo é garantir a continuidade da actividade industrial e o emprego en Pontevedra
 

Pontevedra, 10 de setembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Pontevedra na reunión da Mesa de Ence, que estivo lastrada pola ausencia da vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera. Unha circunstancia que evidencia que o Goberno central prefire despreocuparse deste asunto e tomar distancia con respecto ao futuro da fábrica e das miles de familias de Galicia que dependen da planta, tanto os traballadores directos e da industria auxiliar, como do sector forestal, a loxística e a propia actividade do porto de Marín.

“A única alternativa que deu o Goberno foi unha situación de bloqueo que simplemente levaría a Ence ao seu peche. Polo tanto, desde a Xunta de Galicia lle pedimos unha rectificación política se realmente ten a vontade de manter a planta de Lourizán aberta”, manifestou Conde tras o encontro.

Así, manifestou o ánimo construtivo do Goberno galego para poder consensuar unha alternativa que garanta a continuidade da biofábrica na súa localización actual, xa que a propia empresa asegura que esta é a única opción para poder quedar en Galicia. Por iso, desde a Administración autonómica non se entende que Goberno central e Concello eviten achegar unha solución a Ence cando son os responsables de poñer en perigo o futuro da factoría en Lourizán e dos empregos asociados: quen puxo en dúbida a súa continuidade na ría de Pontevedra non poden provocar un problema e logo non dar respostas.

O vicepresidente económico reiterou a vontade da Xunta de Galicia de colaborar co resto de administracións, a empresa e os representantes dos traballadores na busca dunha solución. Así, pediu realismo e agarda que todos os axentes implicados compartan a mesma dirección. O obxectivo para o Goberno galego desde o primeiro momento foi sempre o mesmo: garantir a continuidade da actividade industrial e o emprego en Pontevedra.

Neste sentido, Conde solicitou a implicación do Concello e do Executivo central para que outorguen seguridade xurídica á planta de Lourizán, unha industria clave para a competitividade dos sectores forestal e loxístico en Galicia.
 

Imaxes relacionadas