O Sergas e a Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue renovan o convenio de colaboración a prol do fomento da doazón

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, Manuel Fonseca Gómez, asinaron esta mañá o acordo que permite continuar promovendo unha conciencia social favorable á doazón de sangue

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa condición de presidente da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), e o presidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, Manuel Fonseca Gómez, asinaron hoxe un novo convenio, que renova a colaboración entre as dúas institucións, desde hai case tres décadas, co obxectivo de fomentar a doazón altruísta de sangue na nosa comunidade.

Mediante a sinatura deste convenio de colaboración, establécense as liñas xerais de traballo conxunto entre ambas entidades, tentando promover a consolidación dunha conciencia social favorable a doazón de sangue, un xesto imprescindible para o axeitado desenvolvemento do intenso labor do noso sistema público de saúde.

No acto de sinatura, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, estiveron presentes, así mesmo, a directora de ADOS, Marisa López García, e o vicepresidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, José Manuel Otero.

Liñas de colaboración

Entre as liñas xerais de colaboración establecidas no convenio asinado hoxe, están o desenvolvemento de iniciativas de promoción da doazón de sangue, mediante a distribución de información sobre este xesto solidario, e posibilitar, deste xeito, a ampliación da base de doantes de sangue de Galicia. O Servizo Galego de Saúde achegará 58.200€ para o cumprimento deste convenio, que estará vixente ata o 31 de decembro do presente ano.

A Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue agrupa ás distintas Irmandades galegas que teñen como fin a promoción da hemodoazón en Galicia, baixo a coordinación da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos. Con este obxectivo, percorren os concellos galegos contactando directamente coa cidadanía, distribúen materiais informativos, promoven charlas e atenden todos os requirimentos dos doadores e doadoras nas súas oficinas, tanto persoal como telefonicamente.

Imaxes relacionadas