O titular do Goberno galego asistiu esta tarde á entrega do IX Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal e do II Premio Ramiro Carregal a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica

Feijóo afirma que a Xunta seguirá apostando pola prevención, a detección precoz e a innovación para avanzar na loita contra o cancro

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Xunta seguirá apostando pola prevención, a detección precoz e a innovación para avanzar na loita contra o cancro.

Durante a entrega do IX Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal e do II Premio Ramiro Carregal a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica, Feijóo destacou algunha das medidas postas en marcha na Comunidade nos últimos anos como os programas de detección precoz de cancro de cérvix e de cancro colorrectal, ademais do de cancro de mama.

Así mesmo, recordou as melloras implantadas nas fases de diagnóstico e tratamento, coa creación das vías rápidas para atender a pacientes sospeitosos dunha patoloxía grave en menos de 15 días; ou coa aprobación do decreto de garantías de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias, un texto que asegura a atención hospitalaria programada e non urxente nun prazo de 60 días para intervencións cirúrxicas e de 45 días para as primeiras probas diagnósticas.

Sobre este último punto, resaltou que ata xuño deste ano máis de 36.000 galegos beneficiáronse desta garantía.

En relación á aposta pola innovación, Feijóo resaltou a instalación de sete robots cirúrxicos Da Vinci de alta precisión e confirmou un investimento de 2,5 millóns de euros para a posta en marcha do primeiro centro de produción de medicamentos CAR-T na Comunidade, para producir fármacos destinados a terapias celulares; así como o obxectivo de incorporar ao sistema sanitario galego a protonterapia para o tratamento de tumores sensibles.

O presidente da Xunta concluíu referíndose á excepcionalidade destes premios tanto pola vocación filantrópica de Ramiro Carregal como polo talento e o compromiso dos premiados, reflectidos nas súas achegas ao coñecemento.

Imaxes relacionadas