Lete Lasa supervisa o estado final da pista de pádel de Meira (Lugo) na que a Xunta investiu máis de 20.000 euros

O mandatario galego subliña a necesidade de que as distintas administracións colaboren para sacar adiante infraestruturas deportivas axeitadas á realidade do deporte galego e para conseguir “a poboación activa e saudable que todos desexamos”

Meira (Lugo), 9 de setembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe a pista de pádel de Meira, construída grazas a colaboración da Xunta de Galicia co concello lucense. En total, a pista de pádel contou cun orzamento de preto de 28.500 euros (28,479,48 euros), sendo achegados o 70% polo Goberno galego (20.052 euros) e o restante 30% polo Concello de Meira (8.427,48 euros).

Lete Lasa destacou na súa visita a importancia desta infraestrutura deportiva para un concello que conta cunha poboación duns 1.700 habitantes. O mandatario galego subliñou tamén a necesidade de que as distintas administracións colaboren para sacar adiante infraestruturas deportivas axeitadas á realidade do deporte galego e para conseguir “a poboación activa e saudable que todos desexamos”.

A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas