A Xunta pon en marcha o programa doutoramento industrial para apoiar a contratación de 15 estudantes en empresas e centros tecnolóxicos onde desenvolverán a súa tese

Feijóo resalta que estará dotado con 1,9 millóns de euros que se destinarán a sufragar os gastos de contratación, os gastos ligados ao proxecto e os apoios para realizar estadías de tres meses no estranxeiro

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación no Consello da Xunta da primeira convocatoria do Programa Doutoramento industrial, dotado con 1,9 millóns de euros, para apoiar a contratación de 15 estudantes en empresas e centros tecnolóxicos onde desenvolverán a súa tese.

Ademais de estar matriculados nun programa de doutoramento nalgunha das universidades galegas os estudantes deberán ter un director de tese vencellado a este programa e realizar un proxecto de investigación que favoreza a resolución de necesidades concretas nestas empresas ou centros.

O obxectivo é contribuír a mellorar a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento, así como a inserción laboral dos investigadores galegos. Con este fin, os fondos destinaranse entre outras cuestións a sufragar os gastos de contratación, os gastos ligados ao proxecto e os apoios para realizar estadías de tres meses no estranxeiro.
 

Imaxes relacionadas