A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, participou na presentación da mostra

O Café Moderno de Pontevedra acolle a exposición ‘Xuventude Crea. Máis dunha década’, que repasa os dez anos de vida deste programa

Este é o quinto municipio galego no que recala, logo de Tui, Ribeira, Lalín e Vigo

A exposición estará na cidade do Lérez todo o mes de setembro

Pontevedra, 9 de setembro de 2021

O Café Moderno de Pontevedra acolle desde hoxe a exposición Xuventude Crea. Máis dunha década, que repasa os máis de dez anos de vida dun programa que busca recoñecer e dar visibilidade á innovación da xente nova de Galicia en 14 disciplinas diferentes. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, inaugurou esta mañá a mostra no céntrico local da cidade do Lérez.

A mostra, que ten carácter itinerante, está conformada por diferentes traballos de mozas e mozos galegos en seis destas disciplinas nunha iniciativa da Xunta de Galicia que promove o talento e a creatividade da mocidade galega. A exhibición pódese ver cada mes nun concello diferente. Así, na capital pontevedresa permanecerá durante todo setembro.

Son 12 as localizacións que percorrerá a mostra itinerante, que tivo como primeiro destino Ribeira no mes de maio; e, a continuación, Lalín, onde estivo en xuño; Vigo, en xullo; Tui, en agosto; Pontevedra, en setembro; Lugo, en outubro; Ourense, en novembro; e, por último, estará en Santiago de Compostela todo o mes de decembro. De cara ao 2022 especificaranse as datas nas que recalará nas súas seguintes paradas: as cidades da Coruña e Ferrol, Noia e Chantada.

Xuventude Crea 2021

No mes de xullo o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as bases da nova convocatoria do programa Xuventude Crea, cuxo prazo para enviar proxectos pechou o pasado 20 de agosto. Esta iniciativa trata de fomentar a creatividade da xuventude galega, facilitando a promoción e a difusión da súa obra. Nesta edición poderán participar, un ano máis, os mozos e mozas non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2021.

Nesta nova convocatoria volverán un total de 14 as categorías nas que poderán inscribirse, que abranguen desde a creación de videoxogos, novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, poesía, videocreación, banda deseñada ata graffiti, deseño de xoias, moda e danza moderna. Cada unha destas especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros; así como mencións de honra sen dotación económica.

Imaxes relacionadas