A Xunta lamenta que o Goberno de España rexeite a tramitación preferente da creación da especialidade de medicina de urxencias e emerxencias

O xerente do Sergas, José Flores Arias, confirma no Parlamento de Galicia que o Ministerio de Sanidade ten comunicado á Xunta que non ten intención de atender a demanda que esta mesma Cámara formulou de xeito unánime hai uns meses

Flores confirma, tamén, que as camas operativas durante este verán nos hospitais galegos superaron con moito a porcentaxe de ocupación final

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2021

O xerente do Sergas, José Flores Arias, manifestou hoxe, na Comisión 5ª de Sanidade Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara, que a Xunta lamenta que o Goberno de España rexeite a tramitación preferente da creación da especialidade de medicina de urxencias e emerxencias.

O responsable do Servizo Galego de Saúde confirmou, na súa intervención, que o Ministerio de Sanidade vén de comunicar á Xunta que non ten intención de atender á demanda que a Cámara galega formulou, de xeito unánime, hai uns meses, na que se reclamaba expresamente que a creación desta especialidade fose “con tramitación preferente e independente da que corresponda a un novo decreto de troncalidade. Pola contra, na resposta que dirixiu á Xunta logo do traslado do acordo parlamentario, o Goberno central confirma a súa intención de pospoñer a creación desta especialidade, agardando a que se tramite o decreto de troncalidade, “un paso previo que non consideraron necesario para poder recoñecer a especialidade de Psiquiatría infantil e da Adolescencia hai escasos meses”, aclarou Flores.

“Galicia non pode agardar máis por un Goberno que se queda á marxe do que xa se manifesta como un clamor de toda a sociedade”, polo que, o xerente do Sergas reiterou de novo a necesidade de que o Executivo central atenda a petición do Parlamento galego, xa que “cremos necesario e imprescindible contar coa especialidade de medicina de urxencias e emerxencias para que os nosos profesionais teñan unha mellor formación, e para que os nosos pacientes reciban unha atención aínda de mallor calidade”.

O xerente do Sergas remarcou, ademais, a incidencia que esta decisión ten sobre o problema do déficit de profesionais en atención primaria, xa que unha das causas que contribúen a este problema é a falta dunha formación específica para Medicina de Urxencias e Emerxencias, que obriga a moitos MIR a elixir a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e ocupar postos de formación na mesma para, finalmente, deixar a atención primaria e acceder aos Servizos de Urxencias e Emerxencias.

José Flores remarcou a sorpresa que supón esta decisión do Goberno central, por iso incidiu en que, dende a Consellería de Sanidade, “seguiremos a traballar para que se atenda esta solicitude do Goberno galego e do Parlamento de Galicia, de recoñecemento da especialidade de urxencias”.

Actividade asistencial nos meses de verán

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o xerente do Sergas fixo balance de como discurríu o verán en canto á actividade asistencial nos centros hospitalarios e de urxencias.

Este ano, o Sergas considerou necesario manter preto do 90% de camas operativas, cifra similar a de anos anteriores, e nos meses de xuño, xullo e agosto a porcentaxe de ocupación foi de preto do 72%, co que queda claro, dixo o xerente, “que a pesar de ter que facer fronte a unha nova onda de covid que tivo unha importante incidencia en hospitalización, as previsións do Sergas foron as correctas”.

Con respecto ás persoas que foron atendidas en urxencias neste verán, “estamos máis preto das cifras prepandemais”, dixo o xerente. Así, nos 14 hospitais do Sergas, atendéronse 246.451 persoas.

No que atinxe ás urxencias dos Puntos de Atención Continuada, 253.552 pacientes pasaron polos 90 PACs repartidos por toda Galicia. Nestes puntos priorizouse, igual que se vén facendo ao longo dos últimos anos, a cobertura dos profesionais que tiñan solicitadas as súas vacacións durante os meses de verán. Así 564 profesionais médicos e 563 de enfermería, un total de 1.705 traballadores, prestaron os seus servizos nestes dispositivos. Cifras que se corresponden case con exactitude coas do 2020 nas mesmas datas.

Imaxes relacionadas