Galicia reunirá a varios expertos para poñer en valor os beneficios da dieta atlántica cos produtos do mar como protagonistas

A próxima semana, Santiago de Compostela e Ribeira acollerán o I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible na Dieta Atlántica, DIETLÁNTICA no que participarán profesionais do mundo sanitario, nutricional, educativo e gastronómico como o cardiólogo Guillermo Aldama e a chef e Estrela Michelín, Lucía Freitas

A primeira xornada arrancará o vindeiro luns ás 10:00 da mañá na Aula Magna do Edificio Docente Novoa Santos e estará relacionada co ámbito sanitario e nutricional

A segunda parte celebrarase o próximo martes na lonxa de Ribeira a partir das 16:00 horas e centrarase en cuestións vencelladas coa gastronomía e coa divulgación dunha produción sostible

As dúas xornadas do foro poderanse seguir de xeito gratuíto vía streaming a través da web https://fundaciondietatlantica.com/forodietlantica/ na que as persoas interesadas poderán atopar todos os detalles sobre este evento e indicacións de como rexistrarse

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela xunto coa Fundación Dieta Atlántica organizan o I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible na Dieta Atlántica, DIETLÁNTICA, que se celebrará o vindeiro luns 13 de setembro en Santiago de Compostela e o martes 14 de setembro en Ribeira. O obxectivo deste evento, que citará a varios expertos do mundo sanitario, nutricional, educativo e gastronómico, é poñer en valor os beneficios da dieta atlántica na que se lle dá un gran protagonismo aos produtos do mar.
O foro dividirase en dúas partes e arrancará o próximo luns ás 10:00 da mañá na Aula Magna do Edificio Docente Novoa Santos, a carón do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Esta primeira xornada estará máis relacionada co ámbito sanitario e nutricional e será moderada e presentada polo endocrinólogo da Unidade de Obesidade do grupo HM hospitais e vicepresidente da Fundación Dieta Atlántica da USC, Felipe Casanueva.
Nela debaterase sobre a influencia do peixe na saúde da poboación infantil, adolescente e das persoas adultas e maiores, así como da relación entre o peixe e a saúde cardiovascular. Para abordar estas cuestións contará coa pediatra, profesora titular de Pediatría e presidenta do comité científico da Fundación Dieta Atlántica da USC, Rosaura Leis; o cardiólogo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), Guillermo Aldama, e o médico epidemiólogo, catedrático e director do departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade Autónoma de Madrid, Fernando Rodríguez-Artalejo. Esta primeira parte finalizará cunha quenda de preguntas e debate.
A segunda xornada deste evento será o martes, terá como escenario o salón de actos da lonxa de Ribeira e comezará ás 16:00 horas. Nela trataranse diferentes cuestións relacionadas coa gastronomía e coa divulgación dunha produción sostible. Debaterase sobre o papel do peixe na gastronomía atlántica, os beneficios nutricionais dos produtos do mar e o seu rol na prevención de enfermidades crónicas. Tamén se falará sobre a captura sustentable destes produtos.

Con ese obxectivo esta parte, que estará moderada por Rosaura Leis, contará coa chef da Tafona e Estrela Michelín, Lucía Freitas; o catedrático de bioquímica da Universidade de Granada e presidente da Fundación Iberoamericana de Nutrición, Ángel Gil, e co catedrático de Enxeñaría Química da USC e tamén membro da Fundación Dieta Atlántica, Gumersindo Feijóo. A continuación haberá unha quenda de preguntas e debate e a xornada rematará cunha visita á lonxa de Ribeira, así como cunha degustación para os asistentes.

Seguimento do foro

As dúas xornadas do foro poderanse seguir de xeito gratuíto vía streaming a través da web https://fundaciondietatlantica.com/forodietlantica/ na que as persoas interesadas poderán atopar todos os detalles sobre este evento, como o programa, información sobre os participantes e indicacións para inscribirse.
Ademais para a primeira xornada hai a posibilidade de asistir de xeito presencial, previa inscrición no apartado rexistro da web anterior, pois por cuestións de aforo relacionadas coa situación da pandemia hai un número limitado de prazas que se asignarán por orde de inscrición. A segunda xornada, a de Ribeira, contará cun acceso moito máis limitado tamén por razóns de aforo, polo que só poderá seguirse en liña a través da canle de YouTube da Fundación Dieta Atlántica.