Deporte, Turismo e a xestión da pandemia danse a man no Congreso Nacional de Federacións Autonómicas de Golf onde Galicia amosa o seu liderado

O secretario xeral para o Deporte destaca a capacidade de liderado do golf galego e subliña a capacidade de recuperación do deporte de Galicia que o 15 de xullo de 2020 xa contaba cun protocolo específico e que deseñou unha unidade didáctica para achegar o golf aos máis pequenos

A directora de Turismo de Galicia refírese ás condicións de Galicia para atraer xogadores e afeccionados ao golf que cualificou de excepcionais tanto no que se refire a instalacións comoa oferta complementaria
 

Santiago, 8 de setembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na mañá de hoxe no XLV Congreso Nacional de Federacións Autonómicas de Golf celebrado no Hotel Monumento San Francisco.
 

Alí, Lete Lasa destacou a capacidade de liderado do golf galego no contexto nacional que vai parella ao liderado de Galicia na protección da actividade deportiva en tempos de pandemia. Neste sentido destacou como, sendo a primeira comunidade en abandonar o confinamento en xuño de 2020, Galicia xa contaba cun protocolo polo que se establecían as medidas para facer fronte á crisis sanitaria ocasionada pola Covid-19 no ámbito do deporte federado. Do mesmo xeito tamén destacou o estudo sobre a incidencia da Covid-19 no deporte federado galego (realizado sobre máis de 180.000 licenzas deportivas) que amosa que hai evidencia concluínte de que a actividade física frecuente mellora substancialmente a forma física e o estado de saúde de nenos e novos.

Por último tamén fixo referencia a unidade didáctica do program Xogade, 'O golf na escola', que o curso pasado realizaron 300 nenos de 5º de Primaria dos centros escolares de Pontevedra e que achega o golf a través de actividades lúdicas que crean un espazos educativo para a adquisición de valores desde un punto d e vista físico, psíquico, social e intelectual.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, referiuse ás condicións de Galicia para atraer xogadores e afeccionados ao golf que cualificou de excepcionais tanto no que se refire a instalacións como a oferta complementaria (aloxamentos, servizos, paquetes turísticos…). “A nosa gran oferta termal e as súas instalacións hostaleiras, moitas delas con campos de golf asociados, permitironnos ser pioneiros na comercialización de paquetes turísticos asociados á saúde e o golf, con gran éxito”, engadiu Nava Castro.

Neste sentido, destacou a iniciativa posta en marcha polo Cluster Turismo de Galicia e a entidade Galicia, destino Golf denominada ‘Galicia Golf Saúde’, unha web de contacto directo cos campos e os aloxamentos, que busca crear unha rede hispano portuguesa de colaboración entre os turoperadores, organizadores de torneos, profesionais e campos de golf. Trátase dun servizo -sinalou- para os practicantes de golf que ofrece a combinación perfecta entre deporte, relax e gastronomía.
 

Imaxes relacionadas