O Xacobeo 6MR Europeans 2021 volve a poñer á vela galega no epicentro do deporte nacional e internacional

O secretario xeral para o Deporte destaca a Galicia ocmo "potencia mundial na vela" tras a portentosa actuación en Toquio de Nico Rodríguez, Iago López Marra e Támara Echegoyen

A directora de Turismo de Galicia asegura que, para a Xunta, "é unha prioridade apoiar este tipo de competicións náuticas que fortalecen a consolidación do turismo náutico galego como un dos produtos turísticos con máis capacidade para medrar e achegar visitantes e recursos económicos ao sector"
 

Sanxenxo (Pontevedra), 8 de setembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na mañá de hoxe na presentación do Xacobeo 6mR Europeans 2021 no Real Club Náutico de Sanxenxo e que terá lugar do 13 ao 18 de setembro.

Nas súas verbas, Lete Lasa afirmou que Galicia "é unha potencia mundial na vela" e incidiu na achega da vela galega ao deporte nacional, como demostra o gran papel de Nico Rodríguez, Támara Echegoyen e Iago López Marra en Toquio e como as dúas medallas de ouro acadadas por Fernando Echavarri e Antón Paz en Pequín e por Sofía Toro e a propia Támara Echegoyen en Londres.

O secretario xeral sinlou que a historia olímpica da vela nacional comezou en París 1924 a bordo dun 6 metros e que estes barcos foron clase olímpica de 1908 1952, puidéndose ver no Europeo que terá lugar estes días en Sanxenxo algunhas destas embarcacións clásicas, as mesmas que competiron naqueles Xogos. Do mesmo xeito, subliñou a íntima relación da realeza con Sanxenxo destacando que o Bribón, patroneado polo Rei Juan Carlos e baixo a grímpola do Real Club Náutico, intentará revalidar o título de campión de Europa acadado en Francia en 2018.

Pola súa banda, Nava Castro valorou moi positivamente a organización da regata, tamén coma acontecemento vinculado á celebración do Xacobeo 2021-2022, que ademais de potenciar o deporte achegará a cultura náutica a moitas persoas, non necesariamente relacionadas con esta modalidade deportiva, que poderán gozar dun gran espectáculo.

Destacou ademais a vertente internacional deste acontecemento deportivo, no que participarán embarcacións de oito países europeos, o que tamén dará a oportunidade de promover o noso potencial náutico no resto do continente. Así, a directora de Turismo de Galicia, manifestou que para a Xunta “é unha prioridade apoiar este tipo de competicións náuticas que fortalecen a consolidación do turismo náutico galego coma un dos produtos turísticos con máis capacidade para medrar e achegar visitantes e recursos económicos ao sector”.

En total, dos quince 6 metros clásicos que participarán na regata, cinco son galegos (o propio Bribón, o Stardust e o Titia, do RCN Sanxenxo; o Aida do RCN Coruña e o Alibaba do Monte Real Club de Yates de Baiona). Na categoría Open, onde competirán os 6 metros máis modernos, entre os que estará Stella, tamén do RCN de Sanxenxo. Entre os 6 metros clásicos e os open, serán 31 embarcacións das que seis teñen acento galego.
 

Imaxes relacionadas