A Xunta publica a licitación do mobiliario e equipamento do punto de encontro familiar de Ribeira

Será o primeiro centro de Galicia destas características fóra das sete cidades

Permitirá que as nais e pais separados ou en trámites de separación do Barbanza realicen as visitas que lles corresponden dun xeito seguro, reducindo os desprazamentos dos menores
 

Ribeira (A Coruña), 8 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia publica hoxe na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación do mobiliario e equipamento para o punto de encontro familiar que o Goberno galego poñerá en marcha en Ribeira. O orzamento para a adecuación deste novo servizo para as familias do Barbanza é de 32.500 euros.

O Concello de Ribeira converterase deste xeito no primeiro de Galicia en contar cun Punto de Encontro Familiar fóra das sete cidades. Será un servizo destinado a atender ás veciñas e veciños de toda a comarca, que agora se teñen que trasladar a Santiago para realizar estas visitas.

Ademais, dentro da estratexia da Administración autonómica para ampliar este servizo, o horario dos centros incrementouse para poder cumprir coas medidas xudiciais e atender os protocolos de prevención fronte á covid-19. Este punto permitirá que as nais e pais separados ou en trámites de separación do Barbanza realicen as visitas que lles corresponden dun xeito seguro.

Cómpre recordar que a Administración autonómica adxudicou en xuño á empresa pontevedresa Actividades de Construcción, Edificaciones y Viales, SL (Acevi) a obra de construción do novo Punto de Encontro Familiar (PEF) de Ribeira. O prazo de execución dos traballos é de catro meses, polo que se estima que o centro estará listo para a súa apertura neste último trimestre do ano.