A Xunta executa obras de mellora da seguridade viaria nas estradas AC-222 e AC-542, nos treitos coincidentes coa traza do Camiño Inglés, en Carral e en Abegondo

As actuacións nestas dúas vías autonómicas consisten na execución de tres tramos de senda para reforzar a seguridade dos peregrinos

Os traballos tamén abranguen a mellora da sinalización coa disposición de novos reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago

As dúas obras inclúense nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun investimento conxunto de 1,4 M€
 

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar obras de mellora de seguridade viaria nas estradas autonómicas AC-222 e AC-542, nos treitos coincidentes coa traza do Camiño Inglés ao seu paso polos concellos de Carral e de Abegondo, respectivamente.

As obras no municipio de Carral estanse a levar a cabo na AC-222, entre os puntos quilométricos 2+230 e 2+260, onde se están a executar dous tramos de senda de 15 metros de lonxitude e de ancho variable, de entre 1 e 2 metros.

En paralelo, os traballos que se están a desenvolver en Abegondo céntranse no punto quilométrico 17+050 da vía autonómica AC-542, onde se está a construír unha senda pola marxe dereita da vía, de 15 metros de lonxitude.

Trátase de actuacións deseñadas para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos. Estas intervencións inclúen a mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.

Estas dúas obras, que suman un investimento de máis de 10.000 euros, están incluídas nas 70 actuacións que o departamento que dirixe Ethel Vázquez executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.
 

Imaxes relacionadas