A Xunta e o concello de Fornelos de Montes asinan un convenio de colaboración para reformar o centro de saúde

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 9.056 euros, unha partida económica que será cofinanciada, a partes iguais, entre a Xunta e o concello pontevedrés

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, veñen de asinar un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade pontevedresa. No acto, estiveron acompañados pola directora Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, María Jesús Piñeiro.

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 9.056 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais pola Xunta e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde e o papel de intermediación da delegada territorial para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Fornelos de Montes contarán a partir do ano que vén cun centro de saúde mellor e máis confortable.
As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas, consistirán no tratamento de humidades nos muros, unha vez eliminado o revestimento existente e a impermeabilización en contacto co terreo pola fronte exterior; así como o pintado do exterior e interior do edificio, incluíndo as portas e os parámetros horizontais e verticais.


Renovación de infraestruturas de atención primaria

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 89 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 88.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as cinco obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 116 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Pontevedra, nos últimos anos, puxéronse en marcha novos centros de saúde en Cotobade (Tenorio), Pontevedra (A Parda), Sanxenxo (Vilalonga), Marín, Tui, Oia, Gondomar, Salceda de Caselas ou Nigrán (Panxón) e importantes reformas na Illa de Arousa, Vilaboa, Valga, Vilanova de Arousa, Pazos de Borbén, Crecente, Cuntis, Cambados, Covelo ou Mondariz-Balneario.

Nesta lexislatura, vense de poñer en marcha o centro de saúde de A Estrada e de asinar o protocolo para iniciar a construción dos novos centro de saúde en Soutomaior e Vilagarcía de Arousa. E están xa en obras o novo CIS de Lalín e o novo centro de saúde de Bouzas (Vigo), así como adxudicadas as obras de reforma do centro de saúde do Porriño e o proxecto do novo centro de saúde de Moaña.

A Xunta continúa a cumprir o seu compromiso de completar unha renovación integral do Sergas. En consecuencia, os Orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste 2021.

Engadido ao anterior, o Executivo galego ten intención de continuar esa renovación integral da Atención Primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que se definirán as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa deste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que creouse unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.

Para todo isto é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009, xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.

Así, nos orzamentos da Xunta de 2021 prevese a reserva de 2,23 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade.
Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.
 

Imaxes relacionadas