A Xunta levará a cabo obras de mellora na estación de autobuses do Grove

Os traballos, adxudicados por máis de 48.000 euros, prevén iniciarse ao longo do mes de outubro co obxectivo de telos finalizados este mesmo ano

Actuarase na cuberta, na mellora dos aseos e repararase o bordo da área de estacionamento dos autobuses

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2021

A Xunta levará a cabo actuacións de mellora e de acondicionamento das instalacións da estación de autobuses do Grove.

Os traballos, que suporán un investimento autonómico de máis de 48.000 euros, foron adxudicados á empresa Obras y Viales de Galicia S.L. (Oviga). Está previsto que as obras se inicien ao longo do mes de outubro co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano.

As intervencións que se acometerán na estación de autobuses engloban a limpeza da cuberta e os canalóns, así como o arranxo de filtracións e o tratamento anticorrosivo das súas superficies metálicas.

As obras inclúen, tamén, melloras nos aseos e a reparación do bordo da dársena de estacionamento dos autobuses, xunto coa instalación de cartel identificativo.

A estación de autobuses do Grove púxose en servizo en xuño de 2002 e ao longo deste tempo foi obxecto de distintos traballos de actualización e mellora, formando parte esta nova intervención dos traballos que se veñen realizando para a conservación e mantemento destas instalacións.