O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López, deron conta do recoñecemento, que hoxe publica o DOG

A Xunta acredita o Campus Terra, en Lugo, como campus especializado nas áreas estratéxicas de agricultura, gandería e sector forestal sustentables

O Goberno autonómico reforzará o apoio económico a este proxecto, no que leva investido arredor de 8,7M€

Outórgase coa máxima cualificación, o que significa que a manterá durante o período completo de catro anos

O Campus Terra é o segundo, despois do Campus Industrial de Ferrol, en obter este selo de especialización
 

Lugo, 8 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o recoñecemento do Campus Terra, en Lugo, como campus de especialización cun enfoque estratéxico nos ámbitos do coñecemento vinculados ao medio ambiente e aos recursos da terra.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, deron conta da concesión deste selo de calidade por parte da Xunta de Galicia, o segundo deste tipo que se outorga, tras o do Campus Industrial de Ferrol. Estiveron acompañados do delegado territorial de Lugo, Javier Arias.

Reforzo económico

Román Rodríguez subliñou que o Goberno galego leva investidos 8,72M€ no período 2013-2021 para o desenvolvemento de accións ligadas á acreditación do Campus Terra. “E agora -explicou - esta acreditación como campus especializado trae consigo un apoio económico adicional” que se materializará a través da sinatura dun convenio de financiamento entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Universidade de Santiago de Compostela para abordar os novos retos como campus especializado. Pola súa banda a USC deberá presentar un plan operativo para este período, a partir do cal se determinarán as achegas económicas concretas.

Segundo lembrou o conselleiro, a acreditación do Campus Terra enmárcase na estratexia de especialización de campus iniciada polo Goberno galego en 2013 co fin de “poñer en valor os campus non centrais a través dunha identidade propia ligada á súa contorna á vez que se erixan como impulsores da investigación e do desenvolvemento económico”.

No caso concreto do Campus Terra de Lugo, o proxecto arrancou ese mesmo ano 2013 cun acordo entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, e cun enfoque estratéxico ligado á áreas como a agricultura, a gandería ou o sector industrial.

O obxectivo foi o de converterse nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados ao medio ambiente a aos recursos da terra. Neste senso focalizou a súa estratexia de especialización en aspectos como a produción vexetal e a agricultura sustentable, a produción e saúde animal, a alimentación segura e saudable e a xestión forestal sostible.

Agora, vén de concluír o proceso de acreditación cun informe final de avaliación na que se lle outorga ao Campus Terra a acreditación coa máxima cualificación, o que significa que a manterá durante o período completo de catro anos, aínda que supeditado ao cumprimento das recomendacións establecidas polo comité avaliador.

Precisamente Román Rodríguez subliñou que este informe final destaca o “bo traballo” realizado polo Campus, aínda que a partir de agora haberá que seguir implementando todos os aspectos recollidos no propio informe, incluída a elaboración dun plan operativo para este período.
 

Imaxes relacionadas