Lete Lasa anuncia o compromiso da Xunta na mellora do pavillón de Fontecarmoa que acollerá o VI Torneo Encestarias ACB

É a primeira vez que os dous mellores equipos de Galicia enfróntanse nun dos torneos baloncestísticos máis importantes do verán

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 7 de setembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación do sexto Torneo EncestaRías ACB que terá lugar no pavillón de Fontecarmoa do 10 ao 12 de setembro. Nesta nova edición estará protagonizado por “dous dos mellores equipos galegos, o Breogán e o Obradoiro” así como por “dous dos mellores equipos nacionais, o Unicaja de Málaga e o Joventut de Badalona”. Lete Lasa tamén aplaudiu a escolla de Siña Abeijón, histórica xogadora do Cortegada, como madriña do evento.

O mandatario galego resaltou que esta é a primeira vez que os dous mellores equipos de Galicia enfróntanse nun dos torneos baloncestísticos máis importantes do verán e fixo un repaso pola súa traxectoria como ex xogador tanto do Breogán, no que militou ao inicio da súa carreira, como do Obradoiro, no que xogou cara o final da mesma.

Neste sentido, lembrou a primeira Copa Galicia, disputada no ano 1986 entre o Breogán e o Obradoiro, e que tivo un novo capítulo hai escasos días en Ferrol, cunha nova final entre estes dous equipos.

Nas súas verbas, o responsable autonómico do Deporte anunciou que, xunto ao Concello de Vilagarcía, a Xunta de Galicia colaborará na reforma e mellora do pavillón de Fontecarmoa, que un ano máis, acollerá o EncestaRías.
 

Imaxes relacionadas