A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou telematicamente este acordo co alcalde de Valga, José María Bello

A Xunta asina co concello de Valga o convenio para executar as obras necesarias para minimizar o risco de inundación nos ríos Louro e Valga cun investimento autonómico de 1,25 M€

Mellorarase o espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña de ferrocarril; o espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa; ademais de protexer a marxe dereita do río Valga ao seu paso polo municipio

Augas de Galicia asumirá integramente o financiamento da redacción e da aprobación dos proxectos e realizará as actuacións que permitan a licitación, contratación e execución das obras

O Concello comprométese a pór á disposición os terreos necesarios, tramitar as autorizacións para as obras e asumir posteriormente as actuacións realizadas

A Xunta segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar mellor preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou telematicamente co alcalde de Valga, José María Bello, o convenio de colaboración para acometer as actuacións para minimizar o risco de inundacións nos ríos Louro e Valga, que suporán un investimento autonómico de 1,25 millóns de euros.

Trátase de intervencións estruturais para a mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada autonómica PO-548 e a liña de ferrocarril; a mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa; e da protección da marxe dereita do río Valga ao seu paso polo municipio.

Augas de Galicia asume integramente o financiamento da contratación da redacción e aprobación do proxecto. As actuacións están cofinanciadas con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.

O departamento que preside Ethel Vázquez tamén levará a cabo as actuacións que permitan a licitación, a contratación e a execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

O Concello de Valga asume a posta á disposición dos terreos necesarios para as obras e á realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución.

A Administración local tamén terá a obriga de recibir as actuacións que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción, e a asumir o seu mantemento e conservación, coa utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

As actuacións

As actuacións obxecto do convenio asinado hoxe buscan minimizar os asolagamentos nesta contorna e están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións dos ríos Ulla e Sar. Para iso, Augas de Galicia preveu as distintas opcións para o desenvolvemento de intervencións que contribúan a minimizar o risco de inundación.

Para avanzar nestas intervencións, Augas de Galicia xa ten adxudicados os traballos de redacción do proxecto de mellora do espazo fluvial do río Louro. Este contrato permitirá definir as medidas para encauzar este río nunha lonxitude de preto de 600 metros desde augas arriba da estrutura baixo a estrada PO-548 ata a zona baixo a liña ferroviaria.

Tamén está adxudicada a redacción do proxecto para a protección da marxe dereita do río Valga, para minimizar o risco de asolagamento neste municipio. Estes traballos céntranse no deseño das actuacións para a protección fronte ao desbordamento, coa demolición do muro existente nesa marxe do río, inmediatamente augas arriba da estrada N-550, e a súa substitución por un muro sobre o que se aplicarán técnicas de bioenxeñería.

A estas intervencións súmase a mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa, cuxa redacción de proxecto está xa en fase de contratación.

Plan de xestión

Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. A Xunta segue avanzando no novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027, que se agarda aprobar a finais de ano.

En paralelo, Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Bahíña e o Groba, en Baiona; Lagares, en Vigo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; e o río Ulla-Sar, tanto en Valga, como en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira e Pontecesures.

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e Concellos, para minimizar o risco de enchentes.

A Xunta de Galicia segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.