Augas de Galicia pon en valor a experiencia piloto Abegondo Rural Supplies na mellora dos servizos da auga á poboación do rural mediante sistemas de abastecemento e saneamento descentralizados

A Xunta celebra en Abegondo unha xornada cos 6 concellos seleccionados para a elaboración de plans municipais de abastecemento autónomo

Máis de 100 representantes das entidades locais e comunidades de usuarios dos municipios de Oia, de Baleira, de Oímbra, de Mondariz, de San Xoán de Río e de Cerdedo-Cotobade asisten a este encontro

O Goberno galego seleccionou estes municipios na primeira convocatoria de elaboración de plans de abastecemento autónomo, aos que destinará 900.000 euros

O modelo de abastecementos autónomos descentralizados desenvolvido no municipio coruñés é unha alternativa eficiente ao abastecemento público municipal nas zonas rurais dispersas de Galicia

O desenvolvemento dos Plans municipais permitirá dispor a estes 6 concellos da información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora deste servizo, de competencia municipal

Actualmente en Galicia máis de 650.000 persoas consumen auga a través de solucións autónomas

Abegondo (A Coruña), 7 de setembro de 2021

A consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, celebra hoxe en Abegondo unha xornada de traballo cos 6 concellos seleccionados na primeira convocatoria da Xunta para a elaboración de plans municipais de abastecemento autónomo, que suporán un investimento autonómico de 900.000 euros.

Trátase dunha das primeiras accións realizadas no marco dos traballos de desenvolvemento e implantación destes plans de abastecemento autónomo, na que participan máis de 100 representantes das entidades locais e comunidades de usuarios dos municipios de Oia, de Baleira, de Oímbra, de Mondariz, de San Xoán de Río e de Cerdedo-Cotobade.

O departamento que preside Ethel Vázquez organizou a visita ao municipio coruñés para darlles a coñecer aos concellos o proxecto piloto Abegondo Rural Supplies, que a través de accións innovadoras permitiu mellorar os servizos aos cidadáns con sistemas de abastecemento e saneamento descentralizados, fronte aos centralizados de titularidade pública.

O programa é o resultado do desenvolvemento do proxecto europeo LIFE12 ENV/ERES/000557 Rural Supplies, promovido polo Concello de Abegondo, Augas de Galicia e a Consellería de Sanidade.

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, xunto cos técnicos participantes no proxecto Abegondo Rural Supplies, deron a coñecer o modelo desenvolvido no municipio para os abastecementos autónomos descentralizados, unha alternativa ao abastecemento público municipal nas zonas rurais dispersas de Galicia, moito máis eficiente e eficaz. Isto é de especial relevancia en Galicia, ao ser un dos territorio nos que existe maior dispersión da poboación en comparación co resto de España.

Fortalecemento das pequenas subministracións nas comunidades rurais

Os traballos de elaboración dos plans, que comezaron o pasado mes de xullo e se realizarán durante 18 meses, permitirán que os concellos obteñan información detallada sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á poboación, máis alá das súas redes municipais, e que conten cun instrumento básico para planificar e priorizar as intervencións de mellora precisas, o que redundará na mellor prestación deste servizo básico, de competencia municipal, á poboación.

A Xunta ten entre un dos seus obxectivos estratéxicos fortalecer a sustentabilidade das pequenas subministracións nas comunidades rurais dispersas que carecen de auga potable, como modelo alternativo á municipalización dos servizos en poboacións moi pequenas e dispersas, que se demostrou, en xeral, moito menos eficaz para estes lugares.

Na actualidade, en Galicia máis de 650.000 persoas consumen auga a través de solucións autónomas.

A entidade hidráulica da Xunta traballa en dúas liñas para o fortalecemento do modelo autónomo de abastecemento. Por unha banda, apoiando economicamente ás comunidades de usuarios por medio da nova liña de subvencións que se iniciou o ano pasado, para mellorar instalacións e procesos que repercutan nunha maior garantía sanitaria da auga abastecida en traídas veciñais.

Doutra banda, con este programa que pretende implicar en maior medida aos concellos, como responsables últimos do abastecemento nos seus municipios, e ás propias comunidades de usuarios de augas, por medio da implantación de plans municipais de abastecemento autónomo.

Imaxes relacionadas