A Xunta destina 120.000 euros á mellora da estrada municipal que conecta Meizarán (Triacastela) e Fillobal (As Nogais)

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que se renova o firme en 2,5 quilómetros con cargo ao Plan de Infraestruturas Rurais que xestiona a Consellería do Medio Rural

As Nogais (Lugo), 7 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia inviste 120.300 euros na mellora da estrada de titularidade municipal que conecta os núcleos de Meizarán (Triacastela) e Fillobal (As Nogais). O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha da actuación, executada ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) da Consellería do Medio Rural.

Arias explicou que se está a renovar o firme nun tramo de 2,5 quilómetros de lonxitude cun ancho de 4,5 metros. Para iso, limpouse a superficie da calzada, que presentaba moito deterioro polo paso do tempo, para dotala dun novo pavimento a base de aglomerado en quente con rego de adherencia.

Está previsto que os traballos queden completados entre hoxe e mañá e a continuación pintarase a nova sinalización horizontal. Tamén se repararán con pavimento de formigón as embocaduras de camiños adxacentes á vía, o que nalgúns casos implica a realización de obras para instalar tubaxes de saneamento soterradas.

Arias destacou “a colaboración da Xunta cos concellos para manter en bo estado a rede de camiños municipais, que dan acceso á maioría das vivendas e explotacións e inciden directamente na calidade de vida da cidadanía”.

Imaxes relacionadas