A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica respondeu a distintas preguntas na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

A Xunta lamenta a negativa do Goberno central a establecer un protocolo específico para os casos de covid-19 a bordo dos buques

O Executivo galego lembra que a ausencia dun procedemento para coordinar a actuación dos distintos organismos con competencia na materia lastra a eficacia e a eficiencia dos medios dispoñibles para facer fronte ante estes episodios

A Consellería do Mar remitiu desde o primeiro momento protocolos de actuación e recomendacións aos profesionais do mar para evitar contaxios e puxo á súa disposición tanto material de protección como axudas coas que paliar o impacto económico da pandemia

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica lembra que a Xunta fixo xestións para facilitar a realización de probas de diagnóstico ás tripulacións antes do embarque e que as trabas do Goberno central limitaron a realización destas probas por parte dos armadores e o inicio da vacinación

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, explicou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento o labor realizado pola Xunta de Galicia desde o inicio da alerta sanitaria polo coronavirus para apoiar ao sector marítimo-pesqueiro galego na loita contra a propagación do virus e na actuación ante os casos positivos detectados no sector. Neste sentido, lembrou que se tratou dun traballo inxente que se viu lastrado en boa medida pola inexistencia dun protocolo do Goberno central -que é o que ten as competencias de sanidade marítima- para os casos de covid-19 a bordo dos buques pesqueiros malia a reiterada petición de Galicia para a súa posta en marcha.
A representante da Xunta lembrou que o Executivo galego remitiu desde o primeiro momento protocolos de actuación e recomendacións para os profesionais dos barcos de pesca e dos portos coa finalidade de evitar contaxios ao tempo que puxo a disposición dos profesionais do mar máis de 50.000 máscaras.
Mercedes Rodríguez subliñou que a Xunta pediu ao Estado xa en abril do ano pasado o establecemento dun protocolo específico para os casos que se rexistrasen a bordo dos buques pesqueiros co obxectivo de coordinar a actuación dos distintos organismos con competencias na materia como Sanidade Marítima -dependente do Instituto Social da Mariña-, Sanidade Exterior -do Ministerio de Sanidade-, a Consellería de Sanidade e outros medio que poden intervir segundo os distintos casos.
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica asegurou que a existencia dun protocolo específico para estes casos permitiría unha maior eficiencia e eficacia no uso dos medios dispoñibles e que, ante a ausencia del, o Executivo galego traballou en todo momento en distintos eidos como a posta a disposición do sector de recomendacións e material de protección. Ao mesmo tempo fixo as xestións necesarias para que o Instituto Social da Mariña realizase ás tripulacións test de diagnóstico antes do embarque mediante a entrega parte da Consellería de Sanidade de máis de 3.000 test.
Mercedes Rodríguez lamentou que a falla de resposta do Goberno central tamén impediu que a frota puidese realizar de xeito privado as probas de diagnóstico ás súas tripulacións e a súa negativa inicial a desenvolver un protocolo específico de vacinación da frota tamén retrasou o inicio da inmunización dos mariñeiros.

Apoios ao sector

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tamén explicou os apoios destinados pola Xunta ao sector para facer fronte ás consecuencias económicas da pandemia e lembrou que a Consellería do Mar puxo en marcha o Plan Avantemar para apoiar ás distintas ramas do sector marítimo-pesqueiro cun orzamento de 77 millóns de euros.
A representante do Executivo galego detallou que o plan inclúe axudas para as entidades xestoras de lonxas pola caída de ingresos, ás redeiras, ao marisqueo a pé, ás embarcacións que mantiveron a súa actividade e viron reducida a súa facturación así como para as empresas de transformación e do sector acuícola. Ademais, incidiu en que a maioría das axudas destinadas á frota artesanal e ao marisqueo foron sufragadas con fondos propios pois unicamente as destinadas ás mariscadoras e mariscadores foron financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) trala súa modificación.
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tamén incidiu en que a Xunta está a traballar no deseño dos plans de acción da pesca artesanal e do marisqueo de cara a 2030 co obxectivo de garantir o desenvolvemento futuro destas actividades. Neste sentido, incidiu en que os plans están avanzados e se están a adecuar a dúas cuestións chaves para a súa aplicación como son as consecuencias da pandemia e a entrada en vigor do futuro Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa), que cambiará a financiación e as regras de xogo do programa operativo español que deben aprobar tanto o Goberno central como o Executivo comunitario.

Imaxes relacionadas