A Xunta comeza as obras de mellora do firme na travesía de Esteiro, en Muros

Os traballos, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, teñen un prazo de execución de 3 meses

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021

A Xunta comezou as obras de acondicionamento do firme na travesía de Esteiro, en Muros.
Os traballos, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, contan cun prazo de execución de 3 meses.
Trátase da reparación da capa de rodadura do treito da estrada AC-550 comprendido entre o punto quilométrico 52+820 e o 53+280, tras o afundimento das gabias dos servizos existentes.
Esta intervención incluirá o fresado de dúas cuñas triangulares de base 2 metros e 5 centímetros de altura na parte exterior de cada carril co fin de darlle encaixe a unha nova capa de rodadura.
Posteriormente, procederase ao estendido de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente como capa de rodadura sobre o firme existente.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na conservación e mantemento da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.
 

Imaxes relacionadas