A Xunta inicia as obras de acondicionamento da estrada OU-129 nos concellos da Veiga, de Viana do Bolo e do Bolo, que supoñen un investimento de 1,2 M€

A intervención ten por obxectivo o reforzo do firme da estrada autonómica con actuacións complementarias ao longo de todo o seu trazado, de algo máis de 10 km de lonxitude, de cara a mellorar a seguridade viaria

Os traballos inclúen a reposición de 4.000 metros da barreira metálica, a renovación da sinalización vertical, así como a colocación de fitos quilométricos e captafaros

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe as obras de acondicionamento da estrada autonómica OU-129, ao seu paso polos concellos da Veiga, de Viana do Bolo e do Bolo.

Estas obras, cun investimento autonómico de máis de 1,2 millóns de euros terán un prazo de execución estimado en 6 meses.

A intervención consiste no reforzo de firme da estrada, ademais doutras actuacións ao longo de todo o seu trazado, de algo máis de 10 km de lonxitude, de cara a mellorar a seguridade viaria. Tamén se rematará a renovación da rodaxe en todo o ancho da estrada mediante a extensión de drenaxe transversal.

Os traballos que se están a executar inclúen a reposición de 4.000 metros da barreira metálica existente, a renovación de toda a sinalización vertical, así como a colocación de fitos quilométricos e captafaros.

Ademais, prevese o repintado de todas as marcas viarias, a limpeza das marxes da estrada, con limpeza e reapertura de cunetas, e a adecuación de treitos antigos como cambios de sentido.

No marco destas obras, actuarase tamén na zona de conexión da estrada OU-533, ampliando a plataforma dun ramal para dar continuidade á sección da estrada, máis 2 metros de cuneta transitable.

Tamén se corrixirá o peralte da curva do punto quilométrico 8+400 da OU-129, renovaranse as xuntas de dilatación na ponte sobre o río Xares e procederase á renovación da capa de rodaxe e á reparación das beirarrúas.
Cómpre lembrar que titularidade da OU-129, a antiga OU-0804, foi transferida á Xunta, segundo o aprobado en setembro do pasado ano polo Consello da Xunta, dando cumprimento ao acordado coa Deputación Provincial de Ourense, polo que esta asumiu a titularidade das estradas OU-211 e OU-400.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.

Imaxes relacionadas