A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse con alcaldes da provincia para abordar a convocatoria estatal de fondos europeos para actuacións municipais en materia de mobilidade

A Xunta remite ao Goberno de España a declaración institucional ‘por un rural forte e conectado’, na que 153 concellos reclaman un reparto equilibrado dos fondos Next Generation de Mobilidade

Vázquez Mourelle demanda sensibilidade coas peculiaridades de Galicia ao Ministerio de Transportes para que os municipios pequenos poidan impulsar o seu desenvolvemento e frear o seu despoboamento con acceso aos fondos europeos

Traslada o “desacougo” da Xunta porque o 97,8% dos concellos galegos quedan fóra do plan de reconstrución, ao primar o Goberno de España os investimentos en municipios de máis de 50.000 habitantes

Ourense, 7 de setembro de 2021

A Xunta remitiu hoxe ao Goberno de España a Declaración Institucional ‘Por un rural forte e conectado’, na que 153 concellos reclaman un reparto equilibrado dos fondos Next Generation destinados a impulsar actuacións en materia de mobilidade.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo hoxe un encontro con alcaldes da provincia para abordar a convocatoria destes fondos europeos para actuacións municipais en materia de mobilidade que vén de realizar o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Vázquez Mourelle demandou que o Ministerio teña en conta as reivindicacións e peculiaridades de Galicia e permita que os concellos máis pequenos poidan beneficiarse destes fondos para contribuír ao seu desenvolvemento e a frear o seu despoboamento.
Este encontro dálle continuidade ao celebrado o 31 de xullo en Santiago, no que a Xunta e 75 concellos presentaron a citada Declaración Institucional, ao considerar que os fondos

europeos de recuperación representan unha oportunidade de transformación e modernización para avanzar nunha maior vertebración territorial e na cohesión social que Galicia ten que poder aproveitar.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén reiterando a súa disconformidade cos criterios de reparto de fondos establecidos para iniciativas ligadas ao ámbito da mobilidade sostible, da dixitalización do transporte e das comunicacións.
Manifestou o desacougo da Xunta ante o feito de que os criterios de reparto deixen á marxe do financiamento europeo á meirande parte dos municipios galegos. Precisou que o 97,8% dos concellos quedan fóra do plan de reconstrución, ao primar os investimentos nos municipios de máis de 50.000 habitantes e establecer condicións de difícil cumprimento para os de máis de 20.000.
Ethel Vázquez fixo fincapé en que Galicia ten máis da metade dos núcleos de poboación de España e iso implica unha maior necesidade de investimentos per cápita para deseñar e financiar servizos públicos como as estradas ou o transporte público.
Remarcou que a Xunta presta servizos de transporte público interurbano que cobren 63 millóns de quilómetros ao ano e xestiona 5.500 quilómetros de estradas, polo que cómpre un maior equilibrio no reparto dos fondos Next Generation de Mobilidade.
Tamén se referiu aos prazos, pois mentres o Ministerio dispón ata 2026 para a execución das obras con cargo a estes fondos de reconstrución, establece que as demais administracións, Xunta e Concellos, deben telas rematadas a finais de 2024.
Lamentou que o Goberno de España se reserve para actuacións propias o 78% dos recursos europeos destinados á mobilidade, deixando só un 9% para todas as autonomías e un 13% para os concellos.
Salientou que o Goberno de España non está a avanzar en infraestruturas estatais estratéxicas como as autovías Ourense-Lugo, que vai máis alá que o treito Eirasvedras-Quintela, Ourense-Ponferrada, a modernización do tren Ourense-Vigo polo Miño ou a parte estatal da estación intermodal.
Sinalou que os criterios impostos nos fondos europeos impiden un maior avance da Xunta na mellora da estrada OU-533, entre Valdeorras e a estación do AVE e a A-52 na Gudiña; da OU-402, en Ribadavia e Arnoia; da OU-540, entre Celanova e a fronteira Portuguesa; ou na prolongación do acceso ao polígono de San Cibrao e á Cidade do Transporte desde a A-52.

Imaxes relacionadas