A Xunta inicia as obras de acondicionamento de beirarrúas na estrada PO-551 ao seu paso polo concello de Bueu

A actuación, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, ten como obxectivo mellorar a estabilidade da beirarrúa na marxe dereita da vía

Construirase un muro de perpiaños para conter a base da zona de circulación peonil, executarase un novo recheo e pavimentarase a nova beirarrúa

Nos vaos peonís colocaranse pavimento táctil direccional ou de botóns e unha varanda que permita protexer do desnivel que hai nalgúns tramos da beirarrúa

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe as obras para o acondicionamento de beirarrúas na estrada autonómica PO-551, ao seu paso polo concello de Bueu.
A intervención, adxudicada á empresa Construcciones Enrique C Casas S.L. por máis de 48.000 euros, comeza unha vez rematado o período de maior afluencia de visitantes co fin de minimizar as afeccións ao tráfico. Os traballos contan cun prazo de execución de 2 meses.
Trátase de mellorar a estabilidade da beirarrúa peonil existente na marxe dereita da estrada autonómica, nun treito de 120 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 11+250 e 11+370.
Os traballos obxecto deste contrato consisten na construción dun muro de perpiaños para conter a base da zona de circulación peonil, a posterior execución dun novo recheo e, por último, a pavimentación da beirarrúa nova, cun ancho medio de 1,80 metros e pavimento de baldosa hidráulica.
Ademais, nos vaos peonís previstos, no extremo da beirarrúa, colocarase pavimento táctil direccional ou de botóns. Finalmente, realizarase a reposición da sinalización da estrada e colocarase unha varanda que permita protexer do desnivel que hai nalgúns tramos da beirarrúa.

Imaxes relacionadas