A conselleira do Mar deu conta en rolda de prensa das propostas que a Xunta debaterá co sector de cara á revisión da folla de ruta da pesca europea

Galicia defende unha reforma da política pesqueira común baseada na igualdade, a sustentabilidade e a remuda xeracional

Rosa Quintana sinalou que é fundamental ter unha política pesqueira forte para defender os intereses do sector ante terceiros países e que todos desenvolvan a súa actividade de xeito equitativo

Subliñou que a nova PPC debe contemplar medidas que melloren as condicións de vida a bordo dos buques e a adecuación da formación para facer a actividade marítimo-pesqueira máis atractiva para a xente nova

A adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global son os outros dous dos cinco grandes retos que a Xunta considera que debe abordar a futura PPC

Despois de debater e reforzar estas suxerencias co sector, o Executivo galego buscará aliarse con outras rexións europeas para acadar unha proposta común, informará destas xestións aos representantes galegos nas cámaras autonómica, estatais e europea e buscará apoios nas principais entidades pesqueiras da UE

Vigo, 7 de setembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe en rolda de prensa as propostas que a Xunta tomará como punto de partida para debater co sector de cara a revisión da Política Pesqueira Común (PPC), unha tarefa que a Comisión Europea prevé abordar no ano 2022. Neste sentido, a titular de Mar explicou que Galicia defende unha reforma da PPC que estea baseada na igualdade, a sustentabilidade e a remuda xeracional. Estes son tres dos cinco grandes retos que a Xunta considera que debe abordar a PPC e a eles engádese a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global.

En relación ao principio de igualdade ou level playing field, a titular de Mar sinalou que é fundamental ter unha política pesqueira forte para defender os intereses do sector ante terceiros países e que todos desenvolvan a súa actividade en igualdade de condicións. En canto á sustentabilidade, Rosa Quintana, fixo fincapé na necesidade de que a futura política pesqueira comunitaria atenda a aspectos como o traballo conxunto entre a industria e as ONG para promover a conservación da biodiversidade.

A remuda xeracional é outro dos obxectivos esenciais nos que afondou a conselleira e que definiu como fundamental para acadar un sector pesqueiro moderno e competitivo. Nesta liña puxo de relevo a necesidade de que a nova PPC contemple medidas que melloren as condicións de vida a bordo dos buques e a adecuación da formación, pois a cadea mar-industria é clave na economía costeira europea.

Outro dos cinco grandes obxectivos, e que está relacionado coa sustentabilidade, é o da adaptación ao cambio climático. En relación a este aspecto, Galicia considera necesario presentar unha proposta para homoxeneizar a fiscalidade e os prezos dos carburantes nos países pesqueiros coa finalidade de evitar distorsións da competencia. Ademais o Executivo galego entende que a Unión Europea debe promover a investigación aplicada de novos combustibles máis respectuosos co medio ambiente para a súa plena integración no mercado.

O quinto desafío ao que debe atender a revisión da PPC de cara á súa posterior reforma é a cogobernanza global para velar por unha actividade sustentable nos ámbitos social, económico e ambiental. En relación a esta cuestión, Rosa Quintana, puxo de relevo dúas cuestións que a Xunta considera esenciais.

Unha delas é a loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, na que é clave que os Estados membro atendan a aspectos como o de tipificar como delitos penais os danos substanciais nos recursos pesqueiros. Ademais, expuxo a conselleira, a Unión Europea debe promover o establecemento dunha limitación á capacidade pesqueira global que permita un reparto máis xusto das oportunidades de pesca no mundo. A outra cuestión necesaria dentro da cogobernanza global é a de dotar a industria de maior protagonismo a través de alianzas público-privadas na xestión e recoñecendo o seu papel ao longo da historia e do estudo de novas modalidades de xestión que dean cabida á iniciativa privada en colaboración con outros actores como ONG.

A voz da pesca de Galicia e a busca de aliados

Todo isto será obxecto de debate co sector en próximos días no marco do Consello Galego de Pesca coa finalidade de sumar e enriquecer as suxestións de Galicia e coa vista posta no benestar dos profesionais da cadea mar-industria. Con ese ánimo de engadir valor ás propostas galegas de cara á revisión e posterior reforma da PPC, a Xunta seguirá unha folla de ruta de debate con diferentes grupos de interese para dar con solucións que satisfagan as demandas do sector marítimo-pesqueiro de Galicia.

Despois de debater co sector no seo do Consello Galego de Pesca, o Goberno galego manterá contactos con outras rexións pesqueiras europeas como a Bretaña francesa para acadar unha proposta común. Ademais informará de todas estas xestións aos representantes galegos no Senado, no Congreso e no Parlamento autonómico e o Parlamento Europeo co obxectivo de que adopten as actuacións que estimen oportunas en defensa da proposta do sector galego. Rosa Quintana explicou que a Xunta tamén buscará apoios entre as principais entidades pesqueiras europeas como a patronal pesqueira europea Europêche e a Asociación Europea de Organizacións de Produtores de Pesca (EAPO).

O obxectivo principal deste camiño, subliñou a titular de Mar, é ir emitindo a voz da pesca galega de cara a futura PPC e que esa voz sexa escoitada en Bruxelas, onde se toman decisións vitais no desenvolvemento da actividade marítimo-pesqueira. Neste sentido, engadiu que Vigo é un bo punto de partida para prepararse para cando a Comisión Europea decida proceder á reforma da PCP que se vai empezar a revisar no próximo ano, pois a cidade olívica é un dos piares da gran vocación marítima de Galicia e a sede da Axencia Europea de Control da Pesca.

Imaxes relacionadas