A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,00 h de hoxe

Segue decretada a Situación 2 como medida preventiva no lume de Ribas de Sil, parroquia homónima, por proximidade do lume ao núcleo de Rairos

A superficie afectada neste lume sitúase nas 500 hectáreas, segundo as últimas medicións

Permanecen tamén activos os outros dous lumes localizados nos concellos de Ribas de Sil (Nogueira) e Chandrexa de Queixa (Requeixo), que afectan unha superficie de 140 e 50 hectáreas respectivamente

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,00 h de hoxe.

Ribas de Sil

Permanece decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio forestal activo arestora no concello lugués de Ribas de Sil, parroquia homónima. Esta situación operativa de emerxencia declarouse pola proximidade do lume ao núcleo de Rairos.

Este lume comezou ás 12,47 h de hoxe e permanece activo arestora, afectando tamén ao concello limítrofe de Quiroga. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie dunhas 500 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para controlalo 4 técnicos, 4 axentes, 15 brigadas, 6 motobombas, 8 avións e 14 helicópteros. Tamén están solicitados medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Permanece tamén activo o lume rexistrado ás 21,42 h. de onte neste mesmo concello, parroquia de Nogueira. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 140 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 5 técnicos, 17 axentes, 31 brigadas, 26 motobombas, 4 pas, 7 avións e 6 helicópteros.

Chandrexa de Queixa

Tamén segue activo desde as 11,38 h desta mañá o lume no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que afecta segundo as últimas estimacións unha superficie dunhas 50 hectáreas. No seu control participan 1 técnico, 8 axentes, 23 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 1 helicóptero e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.