Solicitada como medida preventiva a situación 2 no incendio forestal activo no municipio lugués de Ribas de Sil, parroquia homónima

Esta situación operativa decrétase pola proximidade do lume, que afecta provisionalmente unhas 80 hectáreas, ao núcleo de Rairos

Permanecen activos os outros dous lumes localizados nos concellos de Ribas de Sil (Nogueira) e Chandrexa de Queixa (Requeixo), que afectan unha superficie de 140 e 20 hectáreas respectivamente

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021

A Consellería do Medio Rural vén de solicitar como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora no concello lugués de Ribas de Sil, parroquia homónima. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo de Rairos.

Este lume comezou ás 12,47 h. de hoxe e permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie dunhas 80 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para controlalo 2 técnicos, 3 axentes, 12 brigadas, 5 avións e 7 helicópteros. Tamén está solicitada a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Situación dos outros lumes

Permanece activo o lume rexistrado ás 21,42 h. de onte no concello lugués de Ribas de Sil, parroquia de Nogueira. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 140 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 5 técnicos, 16 axentes, 30 brigadas, 26 motobombas, 4 pas, 7 avións e 6 helicópteros.

Tamén segue activo desde as 11,38 h. desta mañá o lume no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que afecta segundo as primeiras estimacións unha superficie dunhas 20 hectáreas. No seu control participan 1 técnico, 5 axentes, 16 brigadas, 9 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.