A Xunta destaca o éxito de audiencia do paso e remate de La Vuelta en Galicia e o seu retorno económico

As etapas galegas foron seguidas por preto de 4M de espectadores de RTVE

A estancia e o consumo da caravana desta proba deportiva en Galicia estímase en 700.000 euros durante as tres xornadas nas que percorreu parte da xeografía galega

La Vuelta 2021 tivo tamén unha audiencia de 7,2M de visitas na súa web e 1,2M de seguidores nas súas redes sociais

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021

Con preto de 4 millóns de espectadores a través das distintas canles de Radio Televisión Española (RTVE), unha audiencia en medios dixitais propios de 7,2 millóns de persoas e máis de 1,2 millóns de seguidores, as tres etapas de La Vuelta que descorreron por Galicia e o remate desta proba ciclista onte na Praza do Obradoiro, constitúen un dos principais acontecementos mediáticos do verán e unha excepcional plataforma de promoción exterior da comunidade galega e do Xacobeo 21-22.
A este impacto, cabe engadir tamén o dos medios de comunicación acreditados de 190 países para a cobertura deste acontecemento deportivo, cun total de 961 xornalistas entre fotógrafos, cámaras de televisión e redactores, sen ter en conta o operativo de RTVE.
Neste caso, a audiencia estivo conformada por un 66% de homes e u 34% de mulleres. Destaca tamén o grupo de familias, un 46%, e os grupos de entre 3 e 4 persoas.
A estes datos de seguimento en medios de comunicación de todo o mundo, únese o impacto económico que deixa o paso da caravana ciclista de La Vuelta por Galicia, e que se estima en 700.000 euros, a unha media de 250.000 euros por etapa, tendo en conta o volume de acreditacións no seu desenvolvemento se achega ás 5.700 persoas.
Por outra parte, La Vuelta constituíu un perfecto escaparate para a difusión dos valores turísticos de Galicia e do Xacobeo 21-22, tanto pola presencia das iconas desta celebración, como foi a presenza no podio de vencedores de Cunchiña, a mascota virtual que representa ao Xacobeo, como polas accións de mercadotecnia nas que se promoveu a súa imaxe durante todo o percorrido.
Ademais, o espectáculo organizado pola Xunta durante a cerimonia de entrega de premios nos que participaron a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e a Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra, na mesma Praza do Obradoiro e as cubertas da Catedral, puido ser visto por varias televisión de audiencia nacional e internacional e outros medios de comunicación audiovisual.
Nesta edición de La Vuelta que rematou onte en Santiago participaron 184 ciclistas distribuídos en 23 equipos de 8 corredores e estiveron acreditados 800 vehículos que trasladaron a todas as persoas acreditadas que nos seus desprazamentos empregaron 400 establecementos hoteleiros.
Polo que respecta á seguridade da proba, este ano desenvolveron o seu labor profesional 220 membros das forzas e corpos de seguridade, mentres que durante toda a carreira foron mobilizados un total de 8.000 efectivos.