Os centros universitarios da rede de lectorados da Xunta incorporan novo profesorado

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo unha reunión de coordinación co novo profesorado-lector que se incorpora aos centros universitarios neste curso académico para impartir docencia durante os vindeiros tres

O ensino do galego impulsado desde o Goberno autonómico chega a uns 16 países e 38 universidades, 29 internacionais e nove nacionais
 

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo unha reunión de coordinación co novo profesorado-lector que se incorpora aos centros universitarios dependentes da Rede de Lectorados da Xunta de Galicia neste curso académico 2021-2022 para impartir docencia durante os vindeiros tres. As universidades de destino son as de Madrid, París, Bahia, Leizip, Oxford e Euskadi.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade deulles a benvida e sinalou a importancia da Rede de Centros de Estudos e Lectorados na proxección exterior da lingua, da literatura e da cultura galegas. “Tamén establecer sinerxías de traballo entre vós e outros axentes, entidades ou organismos que incidan na promoción do uso da lingua galega desde os diferentes ámbitos, nomeadamente desde as da galeguidade”, destacou.

Acción exterior para a promoción da lingua e da cultura galegas

No marco da estratexia de acción exterior para a promoción da lingua e da cultura galegas, o ensino do galego impulsado desde a Xunta de Galicia a través da Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos chega xa a 16 países e 38 universidades, 29 internacionais e nove nacionais, localizadas en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza.

A creación e funcionamento da devandita rede responde a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega o ámbito da proxección exterior, que incide en consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico.
 

Imaxes relacionadas