O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se habilitan ditos procedementos

Medio Ambiente fixa as condicións para a presentación telemática de 30 procedementos en materia de biodiversidade, caza e pesca continental

Unha das modificacións que se introduce é o cambio de denominación do procedemento Primeira licencia de pesca fluvial, que agora será Licencia recreativa de pesca continental

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe a Orde pola que se habilita a presentación electrónica de 30 procedementos en materia de biodiversidade, caza e pesca continental, desde a sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).

Unha das modificacións que recolle a Orde é o cambio do procedemento denominado Primeira licencia de pesca fluvial, que pasará a denominarse Licencia recreativa de pesca continental; ao tempo que se incorpora a posibilidade de solicitar a licencia de pesca interautonómica e as renovacións de licencia de pesca.

Así, as persoas, empresas e entidades interesadas en iniciar un trámite relativo a estas materias poderán presentar electrónicamente a solicitude e documentación dunha trintena de procedementos, entre os que se atopan: as autorizacións para a realización de eventos con animais de compañía, a expedición do certificado da capacitación para o adestramento de cans de garda e defensa, a inscrición, modificación ou baixa no Rexistro galego de asociación para a protección e defensa dos animais de compañía; así como a autorización para cazar aves prexudiciais para a agricultura e a caza.