A Xunta remata a construción dunha senda peonil na estrada AC-413 no concello de Ordes

Os traballos, cun investimento de máis de 48.000 euros, consistiron na construción dun itinerario entre o inicio da vía autonómica e o punto quilométrico 0+350

O itinerario consta dun treito inicial de 190 metros de lonxitude, o máis próximo ao núcleo de Ordes, desde as beirarrúas existentes ata un tramo xa acondicionado

A senda peonil prosegue con 2 tramos máis, un de 70 metros ata unhas vivendas, e outro de 60 metros ata o cruzamento coa rúa Darefe

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou a construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-413, ao seu paso polo concello de Ordes.
Os traballos, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, consistiron na execución dunha senda peonil nesta estrada de titularidade de Xunta, entre o seu inicio e o punto quilométrico 0+350.
O itinerario está formado por tres tramos, cun ancho mínimo de 1,8 metros, construído con formigón cor terrizo.
En concreto, executouse un treito inicial de 190 metros de lonxitude, que se corresponde co tramo máis próximo ao núcleo de Ordes, desde as beirarrúas existentes ata un tramo xa acondicionado con firme de formigón. Aquí, ademais, un pequeno treito discorre pola estrada da deputación DP-5903 co fin de conectar coa beirarrúa existente.
A senda peonil prosegue con 2 tramos máis, un de 70 metros ata unhas vivendas, e outro de 60 metros que se prolonga ata alcanzar o cruzamento coa rúa Darefe.
As obras incluíron a execución dun colector para drenaxe das augas pluviais da senda peonil.
A Xunta continúa traballando para facilitar unha mobilidade máis segura e sustentable nas estradas autonómicas.

Imaxes relacionadas