Ethel Vázquez avanza que en novembro estará rematada a nova glorieta da AC-550 en Xuño, que reforzará a seguridade viaria nesa contorna de Porto do Son cun investimento de 322.000 €

Salienta que a nova glorieta no cruzamento coas vías da igrexa e da praia das Furnas optimizará os movementos e mellorará a seguridade no lugar do Cruceiro, nun treito da vía autonómica polo que circulan máis de 5.000 vehículos ao día

A intervención permitirá manter os aparcadoiros da contorna, tanto na marxe dereita como esquerda, adaptándoos ao novo trazado da glorieta

Destaca a disposición dun paso de peóns en dirección a Ribeira, a uns 35 metros de distancia da rotonda, coa fin de incrementar a seguridade a pé dos veciños

 

Porto do Son (A Coruña), 6 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que o vindeiro mes de novembro estará rematada a nova glorieta da estrada AC-550 en Xuño, que reforzará a seguridade viaria nesa contorna de Porto do Son cun investimento da Xunta de 322.000 euros.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde, Luis Oujo, supervisou hoxe a nova actuación nesta vía que constitúe a principal arteria de vertebración do concello e que ten como finalidade ordenar os movementos do tráfico rodado no lugar do Cruceiro, na parroquia de Santa María de Xuño, un treito da estrada autonómica AC-550 que rexistra unha intensidade media de tráfico de máis de 5.000 vehículos ao día.

Segundo explicou a conselleira, esta actuación céntrase na construción dunha nova glorieta co fin de mellorar o funcionamento da intersección que conecta a estrada autonómica coa vía que leva á igrexa pola marxe esquerda; e co viario que se dirixe ao colexio, ao centro de saúde e á praia das Furnas, pola marxe dereita.

Ethel Vázquez puxo en valor a importancia desta actuación para mellorar a seguridade viaria nun núcleo de comunicacións importante da estrada AC-550 para o acceso aos equipamentos sanitarios e educativos e que rexistra moita afluencia de vehículos, especialmente no período estival.

Sinalou que os traballos de execución comezaron a mediados de agosto, polo que aínda están nunha fase moi inicial, aínda que empezan xa a coller ritmo e estarán a pleno rendemento nas vindeiras semanas. As obras teñen un prazo de execución de tres meses, polo que estarán finalizadas no mes de novembro.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade sinalou que a nova rotonda, cun diámetro de 28 metros, busca que os condutores perciban mellor o cambio entre a zona urbana e a zona interurbana para que, deste modo, moderen a súa velocidade.

Con ese obxectivo, as obras transformarán o actual cruce, no que concorren catro vías. Os viarios que acceden á rotonda contarán cun ancho de 3,50 metros por carril, salvo o que dá acceso á praia das Furnas, que adoptará o ancho actual, de 2,50 metros.

Executaranse tamén muros de contención, na zona leste e na marxe dereita da vía da igrexa, reporase o firme e a sinalización, tanto horizontal coma vertical, e colocaranse as defensas necesarias na estrada tras a execución das obras. Ademais, reporanse todos os servizos de electricidade, telefonía, abastecemento, pluviais fecais e alumeado que se vexan afectados polas obras.

A intervención prevista permitirá manter os aparcadoiros tanto na marxe dereita coma na esquerda, aínda que adaptados ao novo trazado da glorieta. Ademais, para incrementar a seguridade peonil, habilitarase un paso de peóns en dirección a Ribeira, a unha distancia duns 35 metros da glorieta.

Ethel Vázquez lembrou que esta nova actuación responde á solicitude realizada polo Concello, e súmase a outra intervención de mellora da seguridade xa realizada nesta estrada en Portosín, para a eliminación do treito de concentración de accidentes na que tamén se construíu unha nova rotonda, cun investimento autonómico de preto de 500.000 euros. Polo tanto, dixo, un investimento conxunto da Xunta superior aos 800.000 euros para reforzar a seguridade e a mobilidade dos veciños de Porto do Son.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade avanzou outras actuacións importantes no municipio, como a nova depuradora de Queiruga, cuxo documento técnico se está a rematar, antes de licitar as obras.

 

Imaxes relacionadas