A conselleira do Mar e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda embarcaron no pesqueiro Playa de Sanxenxo que forma parte dun proxecto de pesca turística

Galicia aposta polo turismo mariñeiro a través dos Grupos de Acción Local do sector pesqueiro

O proxecto ‘Praia de Sanxenxo’ conta co respaldo do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da ría de Pontevedra e ensina a persoas que visitan Galicia como é unha xornada laboral a bordo dun pesqueiro e as tarefas propias da pesca artesanal

O Executivo galego apoia esta iniciativa con máis de 8.200 euros no marco das achegas destinadas aos proxectos dos GALP e cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

Sanxenxo (Pontevedra), 6 de setembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, realizaron hoxe unha travesía a bordo do pesqueiro Playa de Sanxenxo que forma parte dun proxecto de pesca turística promovido ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da ría de Pontevedra. Alí ambas conselleiras destacaron a aposta de Galicia polo turismo vencellado ao mar a través dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) co obxectivo de promover a diversificación da pesca.

Esa aposta, subliñou a titular de Mar, vese reflectida en proxectos como Praia de Sanxenxo que ensina a persoas que visitan Galicia como é unha xornada laboral a bordo dun pesqueiro, as tarefas propias da pesca artesanal e tamén promove o consumo de peixe fresco. Ao mesmo tempo, con este tipo de iniciativas que poden optar a apoios da Xunta a través dos GALP, amplíase a oferta turística da comunidade galega. Nesta liña, Rosa Quintana, sinalou que con estas achegas do Executivo autonómico desenvolvéronse entre os anos 2016 e 2020 preto de 500 proxectos, que contaron cun total de axuda pública de máis de 30 millóns de euros.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou o valor de proxectos como o Praia de Sanxenxo para coñecer a riqueza medioambiental que ofrecen as rías galegas e as paisaxes da contorna como a vencellada ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Todos estes ingredientes, engadiu, fan deste proxecto unha ferramenta de grande utilidade para poñer en valor a costa galega e concienciar á cidadanía sobre a importancia de coidala.

Vázquez Mejuto destacou tamén que este tipo de iniciativas son unha oportunidade para impulsar o turismo sostible en Galicia, en xeral, e no Parque das Illas Atlánticas, en particular, un espazo único e inigualable que ao longo deste verán recibiu a case 222.000 visitantes (142.000 en Cíes e 80.000 en Ons). Engadiu que hai unha previsión de que esta cifra se poida incrementar en polo menos en 15.000 visitantes máis, dado que a tempada estival remata o vindeiro 15 de setembro.

‘Praia de Sanxenxo’

A Xunta apoia o proxecto Praia de Sanxenxo con máis de 8.200 euros no marco das achegas destinadas aos proxectos dos GALP e cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. É o primeiro proxecto de pesca turística na ría de Pontevedra e o seu impulsor é o armador e actual patrón maior da confraría de pescadores de Sanxenxo, Sauro Martínez.

As persoas que participen neste programa turístico poderán coñecer tarefas propias da pesca artesanal nas augas da boca da ría de Pontevedra e a contorna das illas de Ons e Onza. Poderán ver como se traballa coas nasas e a captura de especies como o polbo ou a nécora. A xente interesada en realizar esta travesía ten dispoñibles máis detalles sobre as súas características e as condicións de reserva na páxina web www.marineroporundia.com.

Á súa vez esta acción é unha das seis iniciativas piloto con titoría elixida no marco do proxecto de cooperación Mar das Illas Atlánticas, que impulsa o GALP ría de Pontevedra e no que tamén participan o GALP da ría de Arousa e o da ría Vigo-A Guarda, o Parque Nacional das Illas Atlánticas, a Asociación Mar Seguro de Galicia ou a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra.

Mar das Illas Atlánticas comezou no 2017 e desde entón desenvolvéronse tres edicións. Ten como obxectivo promocionar o turismo mariñeiro entre os profesionais do mar das Rías Baixas e especialmente no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Con ese fin, outorga ao sector formación completa sobre esta materia e promove a creación de novas accións xeradoras de emprego a través da diversificación da actividade pesqueira.

Imaxes relacionadas