Ángeles Vázquez subliña "a deslealdade institucional e o desprezo ás competencias autonómicas" do Goberno central no baleirado dos encoros

“A normativa galega concilia o respecto ao Estado coa protección da riqueza piscícola, pero a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil deixou de aplicar a regulación co obxecto de impedir que se puideran exercer as atribucións autonómicas de protección animal”, sinala a conselleira de Medio Ambiente

Lembra que este ano o Goberno central iniciou o camiño para declarar inconstitucional a Lei de pesca continental de Galicia, por non estar de acordo con que a Consellería exercese as súas competencias de protección piscícola en relación coas concesións hidráulicas, unha pretensión que non prosperou
 

Santiago de Compostela, 5 de setembro 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, despois de que o seu departamento abrira expediente sancionador á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e ás concesionarias de catro encoros galegos polo seu baleirado, quixo subliñar hoxe “a deslealdade institucional e o desprezo ás competencias autonómicas” do Goberno central.

“A Confederación Hidrográfica demostrou unha gran deslealdade institucional coas competencias de Galicia, cos seus ríos e coa súa riqueza piscícola”, sinala Ángeles Vázquez. Así, fai fincapé en que o órgano estatal “prescindiu e non aplicou a normativa galega de pesca fluvial que regula a intervención da Consellería para que os baleirados dos encoros non causen danos á fauna”, unha norma autonómica que, pola súa banda, “si respecta totalmente as atribucións da Confederación”.

Proba dese respecto institucional, apunta, é que o artigo 83 do regulamento non establece unha autorización previa da Consellería aos concesionarios de forma independente do órgano estatal —normativa que sería inconstitucional—, se non que regula unha intervención coordinada co Goberno central para sinalar as medidas que deben cumprirse no ámbito da concesión, cumprindo así a doutrina do Tribunal Constitucional.

Con pleno respecto ao Constitucional, o regulamento galego dispón que son os propios órganos hidrográficos competentes para conceder o aproveitamento dun río quen debe trasladar á Administración autonómica as previsións de baleirado da concesionaria, para que así a Consellería de Medio Ambiente poida determinar e comunicar ao ente de conca as medidas imprescindibles para protexer a vida piscícola no contexto da correspondente concesión hidráulica.

“A normativa galega concilia deste xeito o respecto ás competencias estales coa protección da riqueza piscícola da Comunidade, pero a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, nun claro exemplo de deixadez institucional, deixou de aplicar a devandita regulación co obxecto de impedir que se puideran exercer as atribucións autonómicas de protección animal”, abunda Ángeles Vázquez.

A conselleira lembra que a Confederación “permitiu que as concesionarias baleirasen os encoros, obviando a preceptiva notificación dos mesmos e sen esperar e aplicar as medidas protectoras que fixa o órgano autonómico”.

Recurso á Lei de pesca continental

Precisamente, segundo recordou, “trátase dunha actitude á que xa ten afeito o Goberno central a Galicia”, pois este mesmo ano o Ministerio para a Transición Ecolóxica iniciou o camiño para declarar inconstitucional a Lei 2/2021 de pesca continental de Galicia, por non estar de acordo —entre outros puntos— con que a Consellería de Medio Ambiente exercese as súas competencias autonómicas de protección das poboacións piscícolas en relación coas concesións hidráulicas estatais —artigo 12.6—.

O Goberno central discutía que nas concas de competencia estatal, a Comunidade a puidera emitir informes valorando as actuacións nos ríos que puideran afectar ao patrimonio natural da competencia autonómica. “É dicir, o Ministerio quería negar á Consellería a facultade de emitir o seu criterio vía informe ao respecto. Queren as competencias para non exercelas ou exercelas en función dos seus intereses”, resume Vázquez Mejuto.

Non obstante, esa pretensión de inconstitucionalidade non puido prosperar ao trasladar a Comunidade galega unha “sólida e fundamentada” doutrina do Tribunal Constitucional que o Ministerio se viu forzado a recoñecer.

Expedientes sancionadores fronte ao “abandono” do Goberno central

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente vén de abrir expedientes sancionadores tanto á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil como ás empresas concesionarias dos catro encoros da provincia de Lugo e Ourense —Cenza, As Portas, Salas e Belesar— nos que se efectuaron baleirados susceptibles de afectar á fauna piscícola.

O obxectivo principal da Xunta, que impón en todos os casos a sanción máxima prevista na lei, foi en todo momento depurar responsabilidades por esta acción levada a cabo sen autorización, sen agardar polas medidas necesarias e, polo tanto, sen garantir que a súa execución puidera prexudicar ás poboacións existentes nesa masa de auga.

Así mesmo, Medio Ambiente ordenou inspeccións periódicas dos seus axentes nesas zonas, que a día de hoxe se seguen realizando, co fin de facer un seguimento continuo sobre a flora e fauna e verificar que se respecta o caudal ecolóxico establecido.

Pola súa banda, “a actitude do Goberno central é de abandono”, di Vázquez Mejuto, tendo en conta que “anunciaron unha investigación e, polo momento, non hai noticia algunha ao respecto nin nada materialmente executado”.

“A Administración autonómica bota en falta unha maior vixilancia por parte do Ministerio e da Confederación Hidrográfica nos seus encoros e, ao mesmo tempo, unha explicación da situación, que non nos deron a nós nin tampouco aos concellos”, subliña.

De feito, a apertura dos expedientes sancionadores produciuse despois das cartas remitidas o pasado 25 de agosto con relación a estes feitos polas conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Infraestruturas e Mobilidade ao presidente da CHMS e mais á ministra de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, dúas misivas que, a día de hoxe, seguen sen ter unha resposta oficial.