A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá co deportista galego e o presidente da Federación Galega de Pesca

Ángeles Vázquez recibe ao pescador David Arcay tras gañar dúas medallas de bronce no mundial de salmónidos mosca de Finlandia

A conselleira agradece ao catro veces campión do mundo a súa implicación e esforzo por achegar ás novas xeracións de galegos os valores do mundo da pesca deportiva

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recibiu hoxe ao pescador galego David Arcay para felicitalo persoalmente polos excelentes resultados que obtivo no último mundial de pesca de salmónidos mosca, celebrado en Finlandia do 12 ao 15 de agosto e no que quedou en terceiro lugar nas categorías individual e por equipos.

A responsable autonómica, que estivo acompañada na reunión pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o presidente da Federación Galega de Pesca (FGP), Manuel Mouzo, salientou a importancia deste novo logro deportivo, incidindo no difícil que resulta manterse na elite da pesca mundial durante tantos anos.

Neste sentido, cómpre lembrar que David Arcay participou xa en 14 campionatos internacionais e foi catro veces campión do mundo de pesca de salmónidos mosca, un palmarés que o converte, con tan só 30 anos de idade, en todo un referente a nivel galego e mundial dentro do mundo da pesca deportiva.

Ademais, ostenta o récord de precocidade dentro da súa modalidade, despois de proclamarse con 21 anos campión individual de pesca de salmónidos mosca.

O deportista coruñés tamén é moi coñecido en Galicia polo seu intenso traballo e implicación en todo tipo de iniciativas orientadas a divulgar entre o público máis novo os valores deportivos e medioambientais asociados ao mundo da pesca, unha faceta que agradeceu e eloxiou especialmente Ángeles Vázquez, ao lembrar que se trata dun sector “clave” e con moita tradición en Galicia pero que necesita espertar o interese das novas xeracións para garantir a remuda xeracional.

De feito, David Arcay colabora desde hai anos coa Consellería na organización de diferentes actividades de carácter divulgativo e é un dos promotores das escolas de río impulsadas coa nova Lei de pesca continental para achegar aos nenos galegos ao sector.

Imaxes relacionadas