A Xunta enxalza no salón de alimentación Salimar os peixes e mariscos coa campaña 'Galicia sabe amar'

Silleda (Pontevedra), 4 de setembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, visitou esta tarde a XXIV edición do Salón de Alimentación do Atlántico e asistiu á degustación GALICIA SABE AMAR: mexillón de Galicia no posto que a Consellería do Mar ten neste evento.

Nesta edición, que se celebra en Silleda ata o domingo, a Xunta promociona a calidade dos peixes e mariscos galegos coa campaña promocional GALICIA SABE AMAR e faino a través de diferentes degustacións de produtos como a pescada do pincho, o bonito do norte, o rodaballo e o mexillón. Neste encontro tamén se difunde o selo pescadeRías que distingue a frescura e sustentabilidade dos produtos procedentes da pesca artesanal.

O posto co que a Consellería do Mar está presente nesta cita ten unha superficie de 160 metros cadrados e conta cunha sala de catas con capacidade para 24 persoas. O obxectivo principal desta exposición de alimentos é xerar oportunidades de negocio presentando produtos novos e facendo posible a interacción e comercialización entre produtores e distribuidores.

Imaxes relacionadas