Un portal creado nas redes sociais fai visible a parte máis descoñecida dos Ancares co apoio da Xunta

‘O Argueiro dos Ancares’, presentado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, naceu como traballo de fin de grao de Lucía Rodríguez, veciña de Navia de Suarna e graduada en Publicidade e Relacións Públicas

O proxecto conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da Rede de Dinamización Lingüística e do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR3) Montes e Vales Orientais

Navia de Suarna (Lugo), 4 de setembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación do proxecto O Argueiro dos Ancares, un portal creado nas redes sociais de Facebook e Instagram por unha veciña de Navia de Suarna e que conta co apoio da Xunta de Galicia para visibilizar a xente que mantén vivo o territorio dos Ancares e a parte máis descoñecida da comarca.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade felicitou á autora e destacou “a súa iniciativa e o seu espírito de embaixadora da terra e da lingua propias”. Neste senso, subliñou que o seu traballo deu como resultado “un marabilloso proxecto que, de seguro, ha contribuír a visibilizar Os Ancares tanto dentro coma fóra da propia contorna pero sobre todo a enorgullecer á veciñanza pola riqueza paisaxística, social e lingüística coa que contan”, concluíu.

Na Praza de Navia de Suarna tamén estiveron presentes José Fernández Fernández, alcalde de Navia de Suarna e presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR3) Montes e Vales Orientais; Fe Álvarez, xerente do GDR3, e Lucía Rodríguez, responsable do proxecto.

Visión realista dos Ancares

Lucía Rodríguez, natural de Salgueiras, unha aldea de Navia de Suarna (Lugo) na que só fica a súa familia, é a impulsora deste proxecto que ten como obxectivo amosar unha visión realista, non utópica nin romantizada, do rural dos Ancares. Graduada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, tiña claro que quería facer do seu traballo de fin de grao algo que non só visibilizase Os Ancares, senón que tamén lles dese autoestima á xente que vive alí e ten un papel fundamental dentro do seu territorio.

Así xurdiu, despois dunhas cantas voltas, O Argueiro dos Ancares. “Argueiro” significa “cousa que molesta que se mete nun ollo” e, “argueirín” era o apelativo co que os seus avós se referían a Lucía de nena. Tamén relacionado coa súa infancia está o logo do proxecto, unha reprodución dunha talla en madeira dunha flor de seis pétalos que había nas táboas do hórreo da casa dos seus avós. Seis son, asemade, os temas que engloba o proxecto: xente, paisaxe, tradición, imaxe e relato, produtos locais e historia.

Este portal dixital, que xa superou os 1500 seguidores en Facebook e os 500 en Instagram ,conta co apoio do Grupo de desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais (Ancares-Fonsagrada) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística través da Rede de Dinamización Lingüística coa que colabora o GDR3 para fomentar as iniciativas relacionadas coa expresión cultural e lingüística do seu territorio.