A convocatoria das subvencións para equipamentos deportivos da Xunta acadará neste 2021 un total de 2,61 millóns de euros, catro veces máis que en 2020

No que respecta ao material sanitario, inclúese equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.).

Santiago, 4 de setembro de 2021

O Consello da Xunta deu luz verde o pasado xoves ao acordo polo que se autoriza a superación da porcentaxe máxima de pagamentos anticipados, con relación á segunda convocatoria do ano 2021 de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos, por importe de 1.910.000 euros, que sumados a primeira convocatoria resolta en febreiro do presente ano e que contou cun orzamento de 700.000 euros, acada a contía anual de 2,61 millóns de euros, preto de catro veces máis que o destinado no exercicio de 2020 cando se consignaron 700.000 euros.

Do mesmo xeito que en 2020, a relación de equipamentos deportivos subvencionables non será limitativa podéndose ampliar a lista de material inventariable sempre que quede xustificada a súa utilización para a práctica deportiva desenvolta. No que respecta ao material sanitario inclúese equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.).

Ademais, os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas poderán recibir o pagamento do 100% da subvención concedida de xeito anticipado, grazas á autorización do Consello da Xunta.

As entidades beneficiarias deben estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia á data da publicación da convocatoria anual de subvencións e ter actualizados os seus estatutos ás disposicións vixentes en materia deportiva.

O financiamento outorgado polo Goberno galego será do 80% do gasto subvencionable establecéndose como importe mínimo unha contía de 1.000 euros e máximo de 5.000 por club e por sociedade anónima deportiva e de 10.000 por federación. Precisamente, para as federacións deportivas resérvase o 30% do orzamento total da convocatoria.

A adquisición do equipamento deportivo por parte das entidades solicitantes dependerá da puntuación acadada segundo a aplicación dos criterios establecidos. Nesta convocatoria daráselle maior peso aos méritos da entidade deportiva así como ao ámbito subxectivo do uso do equipamento.

Ademais, as entidades que recibiron axuda en 2020 poderán volver recibir subvención nalgunha das dúas convocatorias de 2021. Non obstante as entidades que non recibiran subvención nestes exercicios contarán con 10 puntos co obxectivo de achegar estas subvencións ao máximo de entidades posibles ao longo desta lexislatura.

Imaxes relacionadas