A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo un percorrido polas instalacións da Feira Internacional Semana Verde de Galicia

A Xunta colabora na VII Feira de caza, pesca e natureza con obradoiros e accións divulgativas sobre os valores naturais de Galicia e a importancia destas actividades

No marco deste evento a Consellería organiza sete talleres dirixidos aos nenos, un concurso de probas por parellas, unha exposición e varios contacontos

Silleda (Pontevedra), 4 de setembro 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou a VII Feira de caza, pesca e natureza, que se inaugurou onte en Silleda e ata o domingo ofrecerá un completo programa de actividades co fin de difundir a necesidade de protexer o medio natural e facer un aproveitamento sustentable do mesmo a través de actividades como a caza ou a pesca.

Neste sentido, a responsable autonómica salientou a importancia e o impacto que teñen este tipo de eventos na Comunidade galega, onde, lembrou, a actividade cinexética e pesqueira teñen moito arraigo, como demostran os preto de 37.000 cazadores e os máis de 32.000 pescadores con licenza rexistrados.

Durante o seu percorrido pola Feira Internacional de Galicia, Vázquez Mejuto explicou que a Consellería colabora no evento cunha achega de 12.000 euros e a implicación directa de persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que se encargará de impartir durante as tres xornadas algunhas das actividades de carácter divulgativo coas que se dará a coñecer aos asistentes os valores naturais da Comunidade.

Concretamente, o departamento autonómico ofrecerá sete talleres dirixidos ao público infantil con temáticas tan variadas como a biodiversidade, a identificación de rastros e pegadas de animais, a plantación de sementes ou diferentes obradoiros para achegar aos nenos ao mundo do medio ambiente a través de actividades como a papiroflexia, a maxia ou os xogos de mesa.

Tamén están programados varios contacontos e ata un concurso que baixo o lema Desafío na natureza proporá ás familias que visiten a feira e ao público en xeral a realización de varias probas e retos por parellas.

De igual xeito, durante esta sétima edición da Feira de caza, pesca e natureza haberá un amplo programa de actividades relacionadas coa actividade cinexética, organizadas pola Federación Galega de Caza e coa colaboración económica da Consellería.

En concreto, haberá exhibicións de cetrería, probas de tiro con arco e un simulador de tiro virtual. Ademais, como vén sendo habitual neste tipo de eventos, a feira tamén acollerá varias probas agility con cans e a presentación dunha exposición sobre as razas de cans de caza de Galicia.

En canto ao apartado de pesca deportiva, o máis destacado da programación serán os talleres sobre montaxe de moscas, impartidos por especialistas de diferentes disciplinas de atado e que sen dúbida servirán para atraer aos visitantes máis pequenos e espertar o seu interese por esta actividade.

Imaxes relacionadas