Román Rodríguez, José González e Nava Castro asisten á etapa 20 de La Vuelta 21 que atravesa ás Rías Baixas

Os delegados territoriais da Xunta en Pontevedra e Vigo, Luis López e Marta Fernández-Tapias, tamén asistiron a saída desde Sanxenxo e estarán esta tarde na chegada á meta en Mos, na penúltima etapa antes de que mañá a competición remate na praza do Obradoiro

Sanxenxo (Pontevedra), 4 de setembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez e o conselleiro do Medio Rural, José González asistiron hoxe xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro á saída desde Sanxenxo da etapa 20 de La Vuelta 21. Tamén acudiron os delegados territoriais da Xunta en Pontevedra e Vigo, Luis López e Marta Fenández-Tapias, que pola tarde recibirán aos ciclistas na chegada a meta no alto do castro de Herville de Mos, nesta penúltima etapa antes de que a proba raíña do ciclismo en España remate mañá na praza do Obradoiro.

Trátase dunha edición especial de La Vuelta coincidindo co Xacobeo 21-22 que na súa recta final está a mostrar a comunidade galega en todo o seu esplendor atravesando a Ribeira Sacra e as Rías Baixas ou varios tramos do Camiño de Santiago. Trala etapa de onte por A Fonsagrada, Lugo, Sarria e Monforte, hoxe a carreira continúa entre Sanxenxo e Mos pasando tamén polos concellos de Pontevedra, Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, O Porriño, Tui, Baiona e Gondomar. Será a penúltima etapa antes da contrarreloxo individual de mañá no tramo de Padrón a Santiago de Compostela para chegar como tódolos peregrinos á meta á porta da catedral compostelá, onde se proclamará ao líder da competición.

Ademais, nestes días Cunchiña acompañou ao líder de clasificación xeral nas diferentes etapas, que recibiu un boneco de peluche que representa á mascota virtual do Xacobeo 21-22 para promocionar o Camiño de Santiago e Galicia como destino seguro, aproveitando a oportunidade que supón este acontecemento para dar a coñecer a comunidade a nivel internacional.
 

Imaxes relacionadas