A Xunta concede 1500 Bonos Concilia para que as familias poidan financiar unha praza na escola infantil da súa elección

Na provincia de Pontevedra foron 780 os beneficiarios, na da Coruña, 400 e en Lugo e Ourense, 170 en cada unha

Trátase dunha axuda directa para as familias cuxo primeiro fillo non obtivo praza nun centro público
 

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2021

A Xunta vén de resolver a orde de axudas do Bono Concilia, mediante a cal, as familias que non obtiveron praza nunha escola infantil pública para o seu primeiro fillo poden financiar unha praza nun centro da súa elección. O Goberno galego concedeu para este curso 2021-22, máis de 1500 destas axudas.

A provincia que máis axudas recibiu foi a de Pontevedra, con 780, seguida da de Coruña, con 400 familias beneficiarias. Tanto en Lugo como en Ourense concedéronse 170 axudas por cada provincia. No pasado ano, foron 1400 as familias beneficiarias deste bono e desde 2009 foron preto 23.000 os nenos que levan desfrutado desta axuda para o pago dunha praza nunha escola infantil.

Como novidade, este ano incrementaranse un 10% todos os seus tramos. Así, para un neno que vaia á escola a xornada completa con comedor, o Bono oscilará entre os 50 euros e os 275 euros ao mes. Ademais, esta axuda é compatible con outras destinadas tamén a pagar este servizo, sempre que non se supere o custo da praza.

Axuda para primeiros fillos

Esta prestación beneficia na actualidade só aos primeiros fillos, xa que desde o mes de abril do ano pasado todos aqueles segundos fillos e sucesivos xa teñen o 100% da atención educativa gratis en calquera escola infantil, tanto pública como privada ou de iniciativa social.