O titular da Xunta participou esta tarde na entrega do XXII Premio Nóvoa Santos

Feijóo reedita o compromiso da Xunta cunha Atención Primaria actualizada da man de novas tecnoloxías e novos sistemas de atención aos pacientes

Destaca a traxectoria da galardoada Pilar Rodríguez Ledo, a súa paixón pola docencia e pola xestión sanitaria

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso da Xunta cunha Atención Primaria actualizada da man de novas tecnoloxías e novos sistemas de atención aos pacientes.

Durante a súa participación esta tarde na entrega do XXII Premio Nóvoa Santos, Feijóo referiuse a esta especialidade como un ámbito fundamental do sistema sanitario público que ten que responder a distintos retos: no ámbito demográfico, ante o avellentamento da poboación; no ámbito clínico, ante o aumento das pluripatoloxías e a cronicidade; e no referente a recursos humanos, cunha escaseza de profesionais, particularmente no ámbito da medicina de familia.

Para responder a todos estes desafíos, o titular da Xunta recordou a posta en marcha de diversas iniciativas reactivadas trala pandemia, entre as que destacou: o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021; ou a creación dun grupo de expertos co fin de elaborar un documento cos obxectivos de transformación necesarios a longo prazo para acadar unha Atención Primaria vertebradora do sistema de saúde.

Todas estas iniciativas permitiron, segundo destacou, emprender varias reformas de calado como as axendas de calidade, para facilitar a labor diagnóstica; e o desenvolvemento dos plans locais de saúde para fomentar o papel protagonista dos centros de saúde nos concellos nos que están.

O presidente do Goberno galego concluíu a súa intervención destacando a traxectoria da galardoada Pilar Rodríguez Ledo, ademais da súa paixón pola docencia e pola xestión sanitaria.

Imaxes relacionadas