O titular do Goberno galego asistiu esta tarde á entrega dos títulos das casas niño de 2020 e 2021 ás súas impulsoras

Feijóo recoñece ás impulsoras das casas niño o seu compromiso para crear posibilidades de conciliación pioneiras na Galicia rural

Salienta que as casas niño levan cinco anos xerando oportunidades de conciliación coa creación de centros arraigados nos núcleos de poboación máis pequenos, cun horario flexible e cunha atención personalizada, ademais de gratuíta

Avanza que para seguir afondando neste servizo, a Xunta estudará a posibilidade de elevar a contía para o funcionamento de cada casa niño

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu hoxe ás impulsoras das casas niño o seu compromiso para crear posibilidades de conciliación pioneiras na Galicia rural.

Durante a entrega dos títulos de 2020 e 2021, Feijóo salientou que as casas niño levan cinco anos xerando oportunidades de conciliación coa creación de centros arraigados nos núcleos de poboación máis pequenos, cun horario flexible e cunha atención personalizada, ademais de gratuíta. “E todo isto foi posible grazas a un investimento de máis de 8,5 millóns de euros e á creación de 450 prazas de atención á primeira infancia en 90 centros”, recordou, subliñando que para seguir afondando neste servizo, a Xunta estudará a posibilidade de elevar a contía para o funcionamento de cada casa niño.

Así mesmo, resaltou que esta iniciativa contribúe ao equilibrio territorial, “a que todos os galegos, vivan onde vivan, dispoñan duns servizos públicos equivalentes”, sumándose a outras medidas como as rebaixas fiscais para transmisións de terras ou ao Servizo de Axuda no Fogar, que chega a 24.000 galegos maiores en todos os recunchos da Comunidade.

“E con este programa apoiamos ás familias que deciden ter fillos, do mesmo xeito que fixemos coas máis de 70.000 Tarxetas Benvida para apoiar a crianza do bebé con entre 1.200 e 2.400 euros ao ano; coa gratuidade de todas as escolas infantís de Galicia para os segundos fillos e sucesivos; e coa aprobación da primeira lei de impulso demográfico de España”, concluíu.

Imaxes relacionadas