A Xunta aposta pola dixitalización e a implantación das tecnoloxías da industria 4.0 para impulsar a competitividade do tecido empresarial galego

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, clausurou hoxe en Vigo o programa de obradoiros de dixitalización impulsado polo Goberno galego en colaboración con Ageinco

Sinala a importancia de poñer á disposición das empresas as ferramentas necesarias para promover unha industria máis innovadora, forte e adaptada as demandas actuais

O Cheque Dixital, que o ano pasado permitiu colaborar con preto de 2.400 autónomos e pequenas e empresas, ten aberta a súa segunda convocatoria ata o día 30 deste mes

Guldrís resalta que o programa Galicia Exporta Dixital promoveu ata o de agora o desenvolvemento de 155 plans de internacionalización dixital entre as pemes galegas en 90 países

Vigo, 3 de setembro de 2021

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, clausurou hoxe en Vigo o programa de obradoiros de dixitalización promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Gallega de Empresas de Ingeniería, Consultoría y Servicios Tecnológicos (Ageinco), onde destacou a aposta que está a levar a cabo o Goberno galego pola implantación das tecnoloxías da Industria 4.0 de cara a impulsar a competitividade do tecido empresarial.

Neste sentido, Guldrís sinalou que obradoiros como estes permiten “poñer a disposición das empresas as ferramentas necesarias para promover unha industria máis innovadora, forte e adaptada ás demandas actuais”, achegando aos participantes as distintas liñas de apoio que pon a súa disposición a Xunta.

O director do Igape quixo destacar a este respecto iniciativas como o Cheque Dixital, cuxo prazo de presentación de solicitudes continúa aberto ata o vindeiro 30 de agosto. Na súa primeira edición, esta iniciativa xa permitiu colaborar con preto de 2.400 autónomos e pequenas empresas, mobilizando máis de 11 millóns de euros en proxectos de adaptación á situación xerada pola covid-19 mediante a implantación de tecnoloxías dixitais.

Así mesmo, Guldrís afondou tamén no programa Galicia Exporta Dixital, que nas dúas primeiras convocatorias promoveu xa o desenvolvemento de 155 plans de internacionalización dixital en 90 países por parte de pemes galegas.

“Temos claro que a dixitalización do tecido empresarial galego é e seguirá sendo un dos eixos prioritarios de actuación da nosa política económica”, proseguiu o director do Igape, que tamén puxo en valor a importancia de aproveitar as oportunidades que ofrecen os fondos europeos Next Generation.

Uns fondos que definiu como “panca capaz de impulsar a transformación dixital e ecolóxica do noso modelo produtivo” e dos que as pemes deben ser as grandes beneficiadas polo “efecto arrastre” dos proxectos que se leven a cabo nos sectores estratéxicos de Galicia.